Espetadas de polo mariñadas

Ingredientes para 2 persoas

2 peitugas de polo enteiras de Bon Pollo
1 cebola morada
½ dente de allo
½ pemento vermello
½ pemento verde
1 pexego maduro
4 g de xenxibre fresco
30 g de mostaza de Dijon
50 g de mel
40 ml de zume de limón
Herba dos cóengos (canónigos)
Herbas provenzais
Romeu fresco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Aprende a preparar estas deliciosas espetadas de polo para sorprenderes os teus convidados cunha combinación de sabores irresistible.

Cada peza de polo mariñada en mostaza de Dijon, mel, limón e herbas aromáticas combina á perfección cunha mestura colorida de cebola morada, pementos e pexego fresco. Ademais do seu sabor exquisito, estas espetadas sonche unha opción nutritiva, xa que o polo é unha fonte de proteínas magras e os vexetais teñen vitaminas e fibra.

Non te resistas a probalas e goza dunha comida saudable e saborosa! 😋

Elaboración

  1. Relar o dente de allo (sen o xermolo) e o xenxibre.
  2. Cortar as peitugas de polo en dados medianos.
  3. Mesturar os dados de polo co allo, o xenxibre, a mostaza, o mel, o zume de limón, 30 ml de aceite, un chisco de herbas provenzais, romeu fresco picado, sal e pementa.
  4. Macerar durante 1 hora na neveira.
  5. Picar a cebola morada, os pementos e o pexego en dados medianos (mirepoix).
  6. Elaborar as espetadas: alternar un dado de polo cunha verdura ou froita.
  7. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e cociñar as espetadas de polo durante 6-10 minutos por cada lado a lume medio.
  8. Para empratar, servir na base do prato un pouco de herba dos cóengos e pousarlle enriba as espetadas de polo que acaban de saír do lume. Rematar cun chorriño de aceite, e a comer!