Fajitas de polo con verduras

Ingredientes para 4 persoas

8 solombos de polo Bon Pollo
2 cebolas
3 dentes de allo
1 pemento vermello
1 pemento verde
1 berenxena
2 cenorias
8 tortillas integrais
150 g de queixo de tetilla
60 ml de viño tinto
40 ml de salsa de soia
Salsa agre
Comiño moído
Pemento doce en po
Caiena
Coandro fresco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

En Bon Pollo sómosche verdadeiros fans das fajitas de polo con verduras.

Soluciónanche unha cea con amigos de maneira facilísima, e gústanlle a todo o mundo. O pracer de comer coas mans, a satisfacción de reencheres a túa propia fajita coa cantidade de ingredientes e de salsa que che apetece… É pensar nelas e ter xa un antollo.

Ademais, se na casa tamén che custa que os máis pequenos se acheguen sequera a un prato de verdura, con esta divertida receita vas conseguir que che coman unha boa ración (e que recunquen) sen se decatar. Éche a maxia da nosa infalible receita de fajitas de polo!

Elaboración

  1. Cortar os solombos de polo en tiras medianas. Reservar. 
  2. Pelar e relar un dente de allo. Reservar. 
  3. Mesturar nun cunco o polo, o allo relado, un chisco de comiño, pemento en po, caiena, sal, pementa, unhas follas de coandro picadas e un chorriño de aceite. Adubar durante 1 hora na neveira. 
  4. Pelar e picar as cebolas, os dentes de allo (sen o xerme) e as cenorias en xuliana. Reservar. 
  5. Lavar e cortar en xuliana a berenxena e os pementos despois de quitarlles as sementes e as partes brancas. Reservar. 
  6. Picar o queixo de tetilla en dados medianos. Reservar. 
  7. Cociñar as tiras de polo nunha tixola, sen engadirlle aceite, a lume medio. Reservar. 
  8. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir as cebolas e os allos a lume medio. 
  9. Desglasar co viño tinto e subir o lume para que se evapore o alcohol. 
  10. Incorporar o resto das verduras e saltear durante 10 minutos ou ata que as verduras estean feitas. 
  11. Engadir as tiras de polo e a salsa de soia. Mesturar e torrar durante un par de minutos máis.
  12. Apagar o lume e incorporar os tacos de queixo. Mesturar e reservar en quente. 
  13. Quentar as tortillas integrais na tixola, sen engadir aceite, durante un par de minutos por cada lado, ou no microondas a máxima potencia. 
  14. Estender en cada tortilla un pouco de salsa agre e reencher coa zaragallada de polo e verduras. Enrolar. 
  15. Para empratar, colocar os ingredientes en diferentes cuncos para unha presentación apropiada, e todo listo para preparar as fajitas! Recomendámosche botarlle un pouco de coandro picado por riba.

Se andas a buscar máis receitas divertidas que incorporen verduras e sirvan de prato único, bótalle un ollo á nosa deliciosa ensalada de pasta e polo con salsa de cacahuete. Un vicio saudable!