Fideuá de polo

Ingredientes para 4 persoas

12 blanquetas de polo Bon Pollo
200 g de fideos nº 2
1 cebola
2 dentes de allo
2 tomates maduros
1 ovo
½ limón
30 g de concentrado de tomate
60 ml de viño tinto
60 ml de salsa de soia
600 ml de caldo de polo
Romeu seco
Pemento afumado en po
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Hoxe presentámosvos a nosa exquisita receita de fideuá de polo, un prato clásico que fusiona os mellores sabores mediterráneos grazas á combinación de fideos dourados, tenras blanquetas de polo e unha variedade de ingredientes coidadosamente seleccionados.

Cun tempo de preparación de aproximadamente unha hora, poderás sorprender os teus convidados cunha receita que transporta o espírito da costa á túa mesa.

Desde o salteado dos fideos ata a saborosidade do polo e a combinación de sabores en cada capa de sabor, a fideuá de polo éche a elección ideal para as xuntanzas de verán.

Non esquezas engadirlle o toque final para realzares aínda máis os aromas: o alioli caseiro!

Elaboración

  1. Picar a cebola e os allos en dados pequenos (brunoise) e relar os tomates. Reservar.
  2. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e saltear os fideos a lume medio ata que queden dourados de forma homoxénea. Reservar.
  3. Quentar un pouco de aceite nunha paelleira e dourar as blanquetas de polo cun chisco de pemento en po a lume medio. Salpementar e retirar.
  4. Na mesma paelleira, rustrir a cebola cun allo e medio a lume medio. Salpementar.
  5. Desglasar coa salsa de soia e o viño tinto. Subir o lume para que se evapore o alcohol.
  6. Incorporar os tomates relados, o concentrado de tomate e un chisco de romeu e pemento afumado en po. Cociñar durante 20 minutos a lume medio-baixo.
  7. Engadir o polo, os fideos e o caldo de polo quente. Mesturar.
  8. Meter no forno durante 20-25 minutos a 200 °C e gratinar un par de minutos a máxima temperatura.
  9. Triturar o ovo co medio allo restante, 100 ml de aceite, un chorriño de zume de limón e un chisco de sal. Procesar ata obter un mollo homoxéneo (alioli).
  10. Para empratar, servir a fideuá de polo nun prato e acompañar cun pouco de alioli.