
Os cogomelos shiitake son un alimento carnoso, saboroso e, o máis importante, que podes atopar fóra da tempada de outono, cousa que non sucede con todas as variedades de fungos. Por esta razón, hoxe ímolas converter no noso ingrediente principal. Nesta receita cociñamos guiozas de polo e cogomelos shiitake.
Ademais, esta elaboración inclúe hortalizas como a cebola tenra, a cenoria e a col chinesa. Canto aos dous primeiros alimentos, é importante picalos en dados moi pequeniños, mentres que a col hai que partila en xuliana fina.
Unha vez cortadas estas hortalizas, mesturámolas co polo, que tamén ten que estar partido en dados moi pequenos. Despois engadímoslle os cogomelos, o xenxibre, a salsa de soia, un chorriño de aceite de sésamo e un chisco de sal, allo e pementa.
Cando estea todo ben mesturado, botamos o resultado sobre as masas de wonton, cerrámolas para facer as guiozas e marcámolas na tixola. Logo engadímoslle o caldo de polo e cocémolas a lume medio. Empratamos cun pouco ceboliño picado, acompañamos con salsa de soia, sentamos á mesa e… a gozar deste marabilloso prato!
Elaboración
- Partir a peituga de polo en dados moi pequeniños. Reservar.
- Pelar e picar a cebola, a cenoria e os cogomelos en dados moi pequenos (brunoise). Reservar.
- Pelar e relar o xenxibre. Reservar.
- Lavar e cortar a col en xuliana fina. Reservar.
- Mesturar o polo nun cunco coas verduras (cebola, cenoria e col), os cogomelos, o xenxibre, a salsa de soia, un chorriño de aceite de sésamo e un chisco de allo, sal e pementa.
- Empoar coa maicena a superficie de traballo e estirar un pouco as masas wonton cun rolete.
- Engadir unha cullerada de recheo de polo no centro de cada masa.
- Pintar o bordo da masa cun pouco de auga e realizar os pregamentos para cerrar o recheo.
- Quentar un chisco de aceite de oliva nunha tixola e marcar as guiozas durante 2 minutos por cada lado a lume medio-alto.
- Engadir o caldo e tapar. Cocer durante 4 minutos a lume medio ata que se reduza o caldo.
- Incorporar un chorriño de vinagre de arroz e de aceite de sésamo. Deixar reducir durante un par de minutos.
- Para empratar, servir as guiozas de polo e cogomelos shiitake nun prato e decorar cun pouco de ceboliño picado. Acompañar cun pouco de salsa de soia.