Estas madalenas salgadas de polo con pataca doce son unha auténtica delicia. Se as preparas cos pequenos da casa, pasaredes un tempiño estupendo na cociña.
O truco desta receita está en facer unha masa con todos os ingredientes: puré de pataca doce, polo fervido esfiañado, ovos, xarope, leite, iogur e aceite. Mestura todo ben e mete as madalenas ao forno nos moldes durante tres cuartos de hora.
Por certo, á hora de empratar, podes botar un chisco de parmesano relado por riba das madalenas salgadas para lles dar ese toque umami irresistible.
Elaboración
- Prequentar o forno a 200 °C.
- Colocar as patacas doces nunha bandexa de forno e cocer durante 40-50 minutos a 200 °C (dependendo do tamaño). Deixar a arrefriar, pelar e esmagar cun garfo ata obter un puré. Reservar.
- Cortar os filetes de peituga en tiras medianas. Reservar.
- Machucar os dentes de allo. Reservar.
- Ferver os filetes de peituga nunha ola con auga e sal xunto cos allos, unhas follas de loureiro e un chisco de ourego durante 20 minutos a lume medio. Escoar, arrefriar e esfiañar o polo máis pequeno. Reservar.
- Incorporar nun cunco a fariña, o lévedo, o bicarbonato e un chisco de sal e de canela. Mesturar e reservar.
- Engadir noutro cunco as patacas doces machucadas (500 g), o polo esfiañado, os ovos, o xarope, o leite, o iogur e 20 ml de aceite. Mesturar.
- Incorporar os ingredientes secos do primeiro cunco. Mesturar ata obter unha masa homoxénea. Reservar.
- Engraxar os moldes das madalenas cun chisco de aceite e enchelos coa masa.
- Meter ao forno durante 40-45 minutos a 180 °C con calor arriba e abaixo. Deixar a repousar un par de minutos dentro do forno apagado.
- Para empratar, servir as madalenas salgadas de polo con pataca doce nun prato e botarlles por riba un chisco de queixo parmesano relado.
Se che gusta utilizar a pataca doce nas túas receitas, bótalles un ollo a estes cuartos traseiros de polo con castañas e pataca doce. Unha delicia outonal.