
Estas madalenas salgadas de polo, espinacas e queixo de tetilla sonche unha opción estupenda como aperitivo ou para desfrutalas nun pícnic primaveral.
Ademais de deliciosas, son tamén perfectas para coidar a alimentación: inclúen un gran contido proteico grazas ao polo, os ovos e o queixo; contén as vitaminas, o ferro e a fibra das espinacas, e teñen poucas calorías.
Frías están moi ricas, pero se as temperas un chisco, conseguirás que o queixo de tetilla do interior se funda, e así terá un toque cremoso e fará que as madalenas resulten aínda máis irresistibles. Prepárate para gozar delas a calquera hora do día!
Elaboración
- Prequentar o forno a 200 °C.
- Cortar o queixo de tetilla en dados medianos. Reservar.
- Quentar un pouco de aceite nunha tixola e cociñar os filetes de polo a lume medio. Salpementar e esfiañar. Reservar.
- Bater nun cunco os ovos e o leite.
- Incorporar o polo, as espinacas, a fariña, o lévedo e un chisco de noz moscada, sal e pementa. Mesturar ata integrar todos os ingredientes.
- Engraxar os moldes, verter a mestura resultante e pousar no centro de cada molde un dado de queixo de tetilla (hai que afundilo un pouco para que quede no medio).
- Cocer no forno as madalenas salgadas de polo durante 20-25 minutos a 200 °C. Retirar e deixar repousar sobre unha grella.
- Para empratar, servir as madalenas salgadas de polo, espinacas e queixo de tetilla nun prato. Servir mornas ou frías.