Pan bao con polo ao curry

Ingredientes para 4 persoas

6 filetes de peituga de polo Bon Pollo
8 unidades de pan bao
2 cebolas moradas
2 cenorias
1 cabaciña
400 ml de leite de coco
Cúrcuma en po
Curry en po
Xenxibre en po
Herbas provenzais
Ceboliño
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

A gastronomía asiática experimentou un notable auxe nestes últimos anos. Hoxe en día podemos degustar en todas as partes receitas tan saborosas coma a que che traemos nesta ocasión: pan bao con polo ao curry.

Esta elaboración é típica de países como Taiwán, Singapur ou China. Trátase dun alimento esponxoso e suave que se cociña ao vapor e que ten un sabor neutro, o que lle dá unha gran versatilidade, pois pode combinarse de moitas maneiras. Aínda máis: este prato é rápido e sinxelo de cociñar.

Para o recheo, decidimos preparar polo ao curry. Esta mestura de especias, orixinaria da India, dálle moito sabor á carne e un toque picante. Ademais ímoslle engadir cenoria, cebola e cabaciña para ter diversas texturas en cada bocado.

Á hora de elaborar o mollo, animámosvos a que, se sodes amigos do picante, non lle teñades medo ao curry e ao xenxibre. Pola contra, se queredes que o prato resulte máis suave, aconsellamos engadirlle menos cantidade destas especies. En todo caso, para asegurardes o tiro, sempre podedes ir probando o mollo segundo se cociña e, dependendo de como o notedes, ir agregándolle máis leite de coco ou máis curry.

Por último, cando vaiades empratar, botádelle ceboliño para conseguir textura, frescor e elegancia.

Elaboración

  1. Pelar e picar as cebolas e as cenorias en xuliana. Reservar.
  2. Lavar e picar a cabaciña en xuliana. Reservar.
  3. Quentar un pouco de aceite nunha tixola e cociñar os filetes de peituga de polo a lume medio. Salpementar e engadir un chisco de herbas provenzais.
  4. Picar os filetes de polo en anaquiños moi pequenos. Reservar.
  5. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir as cebolas a lume medio. Salpementar.
  6. Engadir as cenorias e a cabaciña. Refogar durante 5-8 minutos.
  7. Engadir o leite de coco e un chisco de cúrcuma, curry e xenxibre. Mesturar e cocer durante 10 minutos máis a lume medio-baixo.
  8. Apagar o lume e incorporar o polo en anacos. Mesturar ben e deixar repousar uns minutos.
  9. Cocer as pezas de pan bao ao vapor durante 10 minutos.
  10. Abrir os baos pola metade, sen chegar ao final, e reencher co rustrido de polo anterior.
  11. Para empratar, servir os pans bao con polo ao curry nun prato e botarlles un pouco de ceboliño picado por riba.