Pasta con polo e salsa de coliflor

Ingredientes para 4 persoas

8 escalopes de polo Bon Pollo
320 g de espaguetes integrais
1 cebola
2 dentes de allo
560 g de coliflor
1 limón
50 g de noces escascadas
400 ml de caldo de polo
200 ml de leite
60 ml de viño branco
Allo en po
Paprica en po
Comiño en po
Ourego seco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Esta pasta con polo e salsa de coliflor soluciónanos calquera comida entre semana. É un prato completo, nutritivo e saudable, conque xa estás tomando nota da receita. Eliximos espaguetes integrais, pero podes optar pola túa pasta favorita (ou pola que teñas na despensa).

Que che parece o truco de Bon Pollo para camuflar a coliflor nunha cremosa salsa? Fai a proba cos cativos da casa: nin se van decatar de que están a comer verdura!

Un último consello: se queres conseguir un sabor máis intenso, macera os escalopes de polo tal como che explicamos no vídeo. Xa verás que delicia!

Elaboración

  1. Cortar os escalopes en tiras medianas. Reservar. 
  2. Pelar e picar a cebola e os allos en dados pequenos (brunoise). Reservar. 
  3. Lavar e partir a coliflor en anacos medianos. Reservar. 
  4. Partir as noces co coitelo. Reservar. 
  5. Mesturar as tiras de escalope de polo nun cunco cun chisco de allo, paprica, comiño, ourego, sal, pementa e un chorriño de limón e de aceite. Macerar durante 30 minutos na neveira. 
  6. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir a cebola cos allos a lume medio. 
  7. Desglasar co viño branco e subir o lume para evaporar o alcohol.
  8. Incorporarlle a coliflor, as noces, o caldo e o leite. Salpementar e cocer durante 10 minutos a lume lento e co testo. Reservar. 
  9. Nunha ola, ferver a pasta con auga e sal durante o tempo que indique o fabricante a lume medio. Escorrer e reservar cun chorriño de aceite.
  10. Triturar a coliflor cun procesador de alimentos ata obter unha salsa homoxénea e lisa. Reservar. 
  11. Marcar nunha tixola as tiras de escalope de polo, sen engadir aceite, a lume medio. 
  12. Para empratar, servir a pasta e a salsa de coliflor, e pór as tiras de polo por riba. Botar un chisco de ourego e rematar cun chorriño de aceite. 

Se andas a buscar máis receitas saborosas, recomendámosche este sensacional polo asado con mel e mostaza. Para lamber os fociños!