Os pasteis salgados son unha opción estupenda para te lucires en celebracións e xuntanzas con familiares e amigos: son doados de preparar, requiren poucos ingredientes e, sobre todo, estanche deliciosos!
Este pastel de pataca e polo consta de dúas elaboracións: por unha banda, terás que cociñar un puré de pataca cremoso e, pola outra, un recheo de verduriñas e polo. Só che quedará montar o prato por camadas e levalo ao forno para gratinar.
A seguir deixámosche todos os pasos para preparares esta receita. E no noso Instagram atoparás a versión en vídeo. A desfrutar!
Elaboración
- Partir os solombos de polo en dados medianos, as verduras en dados pequenos (brunoise), e escachar as patacas.
- Ferver nunha ola as patacas durante 20 minutos. Escoar e deixar a arrefriar.
- Nun cunco, esmagar as patacas e incorporar a manteiga, o leite e un chisco de sal e noz moscada. Mesturar e reservar o puré.
- Quentar un chisco de aceite nunha tixola e cocer os dados de polo coas verduras e unhas follas de loureiro a lume medio. Salpementar.
- Incorporar a salsa de tomate. Refogar durante 5 minutos a lume lento.
- Esparexer en dous moldes individuais unha base de puré de pataca, un pouco de rustrido de polo e unha camada máis de puré de pataca. Botarlle o queixo relado por riba.
- Gratinar.
- Para empratar, servir unha ración do pastel de pataca e polo nun prato. Vaiche encantar!