Poke bowl de aliñas con salsa teriyaki

Ingredientes para 4 persoas

20 aliñas partidas de Bon Pollo
1 aguacate
2 cenorias
1 limón
2 allos tenros
20 g de xenxibre
300 g de arroz basmati
50 g de azucre branco
100 ml de salsa de soia
100 ml de mirin
100 ml de sake
100 ml de vinagre balsámico
100 ml de caldo de verduras
2 g de maicena
Sésamo branco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

En Bon Pollo tampouco nos podemos resistir á deliciosa tendencia dos poke bowls. Cociñamos un poke de aliñas con salsa teriyaki e… entusiasmounos! 

Este prato de orixe hawaiana é moi equilibrado e permite mil adaptacións diferentes. Aconsellámosche deixar voar a imaxinación e darlle o teu toque persoal. Por aquí apostamos por unhas saborosas aliñas con salsa teriyaki caseira e o resultado encantounos.

Elaboración

  1. Pelar e picar o xenxibre en dados moi pequenos (brunoise). Reservar.
  2. Picar os allos tenros en toros. Reservar.
  3. Pelar e laminar as cenorias. Reservar nun cunco con auga e xeo.
  4. Pelar e cortar o aguacate en láminas. Reservar na neveira cun chisco de limón para evitar que se oxide.
  5. Ferver o arroz basmati nunha ola con auga e sal durante 15 minutos a lume medio. Coar e reservar.
  6. Infusionar nunha tixola o mirin, o sake, o caldo, a salsa de soia, o vinagre, o azucre e o xenxibre a lume medio. Cando comece a ferver, baixar o lume e cocer durante 10 minutos.
  7. Incorporar a maicena e remexer ata espesar a salsa teriyaki. Coar e reservar.
  8. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e cociñar as aliñas de polo a lume medio-alto. Salpementar.
  9. Engadir a salsa teriyaki (agregando un chisco de auga se está moi espesa) e deixar a cocer todo xunto durante 5 minutos tapado a lume baixo.
  10. Para empratar, botar o arroz basmati na base do cunco e engadirlle por riba as aliñas con salsa teriyaki e as láminas de cenoria e de aguacate. Decorar cun pouco de allo tenro e sésamo branco.

Se che gustan as receitas asiáticas, tampouco podes perder estes rolos de polo con salsa de xenxibre.