Poke bowl de polo crocante

Ingredientes para 4 persoas

3 peitugas de polo enteiras de Bon Pollo
1 cogombro
2 cenorias
⅛ de col lombarda
150 g de millo
½ limón
2 ovos
150 g de millo torrado
300 g de arroz redondo
400 g de maionesa
40 g de pan panko
40 ml de vinagre de arroz
Wasabi
Pemento en po doce
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Tes oído falar dos poke bowls?

🍲 Este prato tan colorido e fresco é orixinario de Hawai. A preparación tradicional adoita levar unha base de arroz de sushi, peixe cru mariñado, verduras, algas e froitas tropicais como o mango, e todos os ingredientes deben ir cortados en forma de dado.

Hoxe compartimos contigo esta receita co noso toque particular: vas alucinar co polo crocante rebozado en panko e millo torrado. Ademais, coa combinación de verduras que che propomos, o prato vai ter unha explosión de sabor e de cor. E, se te atreves, pódeslle dar un toque picante cunha maionesa con wasabi 😉.

Anímaste a probalo?

Elaboración

  1. Cortar as peitugas de polo en dados medianos. Salpementar e reservar.
  2. Pelar e laminar as cenorias cunha mandolina. Reservar.
  3. Pelar e cortar o cogombro en toros. Reservar.
  4. Cortar a col lombarda en xuliana fina. Reservar.
  5. Lavar o arroz nun cunco refregando suavemente coa auga. Repetir o proceso ata que a auga quede limpa e saia transparente. Reservar.
  6. Cocer o arroz sen engadir sal, nunha proporción de dúas partes de auga por cada unha de arroz en seco. Cocer a lume medio durante 5 minutos e outros 10 minutos máis a lume baixo. Deixar repousar o arroz tapado durante 5 minutos fóra do lume. Reservar.
  7. Estender o arroz nunha bandexa e engadirlle o vinagre de arroz e un chisco de sal. Remexer con coidado, deixar a arrefriar e reservar.
  8. Triturar o millo torrado cunha picadora deixando algúns anacos enteiros.
  9. Nun cuncho, mesturar o millo torrado triturado co pan panko. Reservar.
  10. Noutro cunco, mesturar os medallóns de polo cun chisco de pemento en po.
  11. Mollar o polo no ovo batido e pasalo pola mestura de millo torrado e panko.
  12. Fritir o polo nunha tixola con aceite quente. Escorrer e deixar repousar uns minutos en papel absorbente.
  13. Triturar cun procesador de alimentos a maionesa, o wasabi (ao gusto) e un chisco de reladura de limón. Reservar.
  14. Para empratar, servir na base do cunco un pouco de arroz e botarlle enriba o polo crocante, o cogombro, a cenoria, a col lombarda e o millo. Rematar o prato coa maionesa de wasabi.