Polo en pepitoria

Ingredientes para 4 persoas

8 zanquiños de polo Bon Pollo
1 cebola
2 dentes de allo
160 g de améndoa marcona
2 ovos
30 g de fariña triga
1 L de caldo de polo
50 ml de viño branco
Febras de azafrán
Loureiro
Perexil fresco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

A cociña tradicional española é inigualable. En Bon Pollo recuperamos a receita de polo en pepitoria, unha elaboración con moito folclore, desas que pasan de xeración en xeración.

Que podemos dicir do polo en pepitoria? Encántanos e non queremos que caia no esquecemento. As receitas fusión están moi ben, pero onde estea un bo guiso… Proba e xulga!

O segredo deste prato está na salsa. Para elaborar un polo en pepitoria tradicional terás que picar e torrar améndoa marcona e picar o ovo duro en dados pequenos. Tamén se lle bota un chisco de azafrán.

Elaboración

  1. Pelar e picar a cebola e os dentes de allo en dados pequenos (brunoise). Reservar.
  2. Picar as améndoas cun coitelo. Reservar.
  3. Ferver os ovos nun cazo con auga durante 10-12 minutos. Deixar a arrefriar, pelar, esmigallar as xemas e picar as claras en dadiños (brunoise). Reservar por separado.
  4. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e torrar as améndoas durante un minuto a lume medio, sen parar de remexer.
  5. Engadir as xemas de ovo esmigalladas e unhas febras de azafrán. Mesturar e refogar durante un par de minutos. Reservar.
  6. Quentar un chisco de aceite nunha cazola e dourar os zanquiños de polo a lume medio. Salpementar e reservar.
  7. Na mesma cazola de antes, incorporar a cebola e os allos. Salpementar e rustrir durante 4-5 minutos a lume medio.
  8. Engadir as améndoas salteadas coas xemas de ovo, a fariña e unhas follas de loureiro. Mesturar e torrar durante un par de minutos.
  9. Incorporar o viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
  10. Engadir os zanquiños de polo e o caldo. Cocer durante 30-40 minutos a lume medio-baixo. Rectificar ao gusto.
  11. Para empratar, servir o polo en pepitoria nun prato e decorar cun pouco de clara de ovo duro e un chisco de perexil picado.

Gustouche a receita de polo en pepitoria? Na nosa web temos unha chea de receitas tradicionais que che van encantar, como, por exemplo, os nosos canelóns de polo con salsa velouté e queixo gratinado. Van ser os reis de calquera comida familiar!