
A salsa agridoce é un dos condimentos máis típicos da cociña asiática. Por iso, nesta receita, quixemos darlle o papel protagonista e preparar polo agridoce.
Para obter esta deliciosa salsa imos empregar caiena, xenxibre, concentrado de tomate, xarope de agave, caldo de polo, salsa de soia e vinagre de arroz. Ímolo cociñar todo a lume lento, o que axudará a que se evaporen mellor os líquidos e se intensifique o sabor dos alimentos.
Canto á carne, optamos por utilizar escalopes de polo, que cortaremos en dados mediados e, despois, rebozaremos en ovo e fariña. Primeiro, cociñámolos a lume medio ata que queden dourados e, cando a salsa estea case lista, engadímoslle os dados para que se cociñe todo xunto durante un par de minutos e a carne adquira todo o sabor agridoce.
Respecto ás hortalizas, esenciais para darlle unha textura diferente á da ave, imos cortar as cebolas en xuliana e os pementos en mirepoix. Ímolas cociñar entre 6 e 8 minutos a lume medio e despois incluímos o resto de ingredientes necesarios para obter a salsa agridoce.
Para empratar, botámoslle un chisco de coandro para conseguirmos un toque fresco e lixeiramente cítrico. E, por último… a gozar desta saborosa receita!
Elaboración
- Cortar os escalopes de polo en dados medianos. Salpementar e reservar.
- Pelar e partir as cebolas en xuliana fina. Reservar.
- Lavar e picar os pementos (retirando as partes brancas e as sementes) en dados medianos (mirepoix). Reservar.
- Relar o xenxibre. Reservar.
- Pasar os dados de polo por ovo batido e fariña.
- Quentar un chisco de aceite nunha tixola e cociñar os dados de escalope de polo a lume medio ata que queden dourados. Salpementar e reservar.
- Na mesma tixola, rustrir as cebolas e os pementos durante 6-8 minutos a lume medio. Salpementar.
- Incorporar a caiena (ao gusto), o xenxibre, o concentrado de tomate, o xarope, o caldo, a salsa de soia e o vinagre de arroz. Cocer durante 5-6 minutos a lume baixo.
- Engadir o polo rebozado e cociñar durante un par de minutos máis, sen deixar de mesturar. Rectificar ao gusto.
- Para empratar, servir o polo ao estilo asiático nun prato e botarlle un pouquiño de coandro picado por riba.