Polo ao allo

Ingredientes para 4 persoas

1,200 kg de polo partido en anacos.
2 cebolas
10 dentes de allo
2 patacas
1 pemento verde
½ limón
150 ml de viño branco
500 ml de caldo de polo
Loureiro
Tomiño fresco
Perexil fresco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

En Bon Pollo gústanos innovar e presentar receitas orixinais, pero tamén sabemos apreciar os pratos tradicionais da nosa gastronomía. Por iso, hoxe compartimos convosco este polo ao allo, típico e moi saboroso.

Esta é unha das nosas receitas favoritas para gozar do bo polo. Elabórase con ingredientes que quizais xa teñas na cociña, e o resultado sempre convence a todos os comensais.

Ás veces non fai falta buscar sabores exóticos ou novas texturas: abonda con lembrar as receitas das nosas avoas para atoparmos elaboracións exquisitas. Asegúrate de ter un bo pan á man: os mellores guisos desfrútanse mollando na salsa.

Elaboración

  1. Pelar e partir as cebolas en xuliana fina. Reservar.
  2. Pelar e laminar as patacas. Reservar.
  3. Lavar e cortar o pemento verde en dados medianos (mirepoix) despois de quitarlle as sementes e as partes brancas. Reservar.
  4. Machucar a metade dos allos e laminar o resto. Reservar.
  5. Salpementar o polo partido. Reservar.
  6. Quentar un chorro xeneroso de aceite nunha cazola e torrar os dentes de allo para aromatizar o aceite. Reservar.
  7. Na mesma tixola, incorporar o polo e dourar por ambos os lados a lume medio.
  8. Retirar un chisco do aceite e engadir de novo os allos cunhas follas de loureiro e un chorriño de zume de limón. Mesturar.
  9. Desglasar co viño branco e subir o lume para evaporar o alcohol.
  10. Engadir o caldo e unas ramas de tomiño. Cocer durante 30-40 minutos a lume medio-baixo e tapado co testo. Reservar.
  11. Quentar un pouco aceite nunha tixola e rustrir as cebolas, as patacas e o pemento durante 15-25 minutos a lume medio. Salpementar e remexer de cando en vez con suavidade.
  12. Para empratar, servir nun prato unha base coas patacas, as cebolas e o pemento rustrido, e engadir o polo ao allo. Napar coa salsa e botarlle por riba un pouquiño de perexil picado.