Polo ao curry con leite de coco

Ingredientes para 4 persoas

6 coxas de polo sen óso e sen pel de Bon Pollo
2 cebolas
2 dentes de allo
2 cenorias
1 cabaciña
60 g de salsa de tomate
400 ml de leite de coco
Caiena
Curry en po
Comiño en po
Xenxibre en po
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Esta receita de polo ao curry con leite de coco non só é unha delicia, senón que tamén é unha excelente maneira de incorporares verduras e proteínas na dieta.

Cunha excelente combinación de sabores, este prato é doado de personalizar segundo as túas preferencias. Nesta receita incluímos cebola, allo, cenoria e cabaciña, pero podes axustar os ingredientes segundo o teu gusto.

Para te asegurares de que o curry che quede co mellor sabor posible, recomendámosche seguir estes tres consellos: emprega especias frescas e enteiras, e móeas xusto antes de cociñar; por outro lado, comeza rustrindo primeiro a cebola e os allos para obter un prato máis intenso e saboroso; por último, déixao repousar antes de servir para que todos os sabores se combinen e alcancen o seu máximo potencial.

Sirve este prato con arroz basmati e prepárate para gozar dunha deliciosa e nutritiva comida con influencias culinarias do outro lado do mundo. A desfrutar!

Elaboración

  1. Cortar as coxas de polo en dados grandes. Reservar.
  2. Pelar e picar as cebolas, os allos, as cenorias e a cabaciña en bastóns. Reservar.
  3. Quentar un pouquiño de aceite nunha tixola e rustrir as cebolas, os allos e un chisco de caiena (ao gusto) a lume medio. Salpementar.
  4. Engadir as cenorias e a cabaciña. Refogar durante 5 minutos.
  5. Engadir a salsa de tomate e un chisco de curry, comiño e xenxibre. Mesturar e cociñar durante un par de minutos.
  6. Incorporar o polo e saltear durante 5 minutos. Rectificar as especias ao gusto.
  7. Engadir o leite de coco e deixar cociñar durante 10 minutos a lume baixo.
  8. Para empratar, servir o polo ao curry con leite de coco nun prato fondo, acompañado cun pouco de arroz basmati.