Hamburguesa de polo de crecemento lento con tomate

Hamburguesa de polo de crecemento lento con tomate

Ingredientes para 4 persoas

4 hamburguesas de polo de crecemento lento de Pazo de Pías
2 cebolas
2 dentes de allo
150 g de tomates cereixa
200 g de queixo feta
75 ml de viño tinto
50 ml de salsa de soia
Pemento doce en po
Ourego seco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Hamburguesa de polo de crecemento lento con tomate

Hai por aquí algún fan das hamburguesas? Hoxe traemos unha receita que vos vai encantar: hamburguesa de polo de crecemento lento con salsa de tomate, queixo e cebola.

Hai mil maneiras diferentes de desfrutar dunha hamburguesa. Nesta ocasión, escollemos os ingredientes que normalmente colocariamos entre dous pans,  preparámolos ao forno e triturámolos ata formar un mollo de campionato.

Pero o mellor desta receita é, sen dúbida, a saborosa hamburguesa de polo de crecemento lento. Próbaa e notarás a diferenza.

Elaboración

  1. Prequentar o forno a 200 °C.
  2. Pelar e partir as cebolas en xuliana fina. Reservar. 
  3. Pelar os dentes de allo. Reservar. 
  4. Lavar os tomates cereixa. Reservar. 
  5. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir as cebolas durante 10 minutos a lume medio. 
  6. Desglasar coa salsa de soia e o viño tinto. Subir o lume para que se evapore o alcohol. 
  7. Salpementar e deixar a cocer 10 minutos máis a lume medio. Reservar. 
  8. Pousar os tomates, o queixo e os dentes de allo nunha bandexa de forno e engadirlle un chorriño de aceite, un chisco de ourego, pemento en po, sal e pementa. Meter no forno a 200 °C durante 20 minutos e reservar.
  9. Triturar a elaboración anterior cun procesador de alimentos engadíndolle un pouco de auga. Procesar ata obter unha salsa homoxénea e lisa. Reservar. 
  10. Quentar un pouco de aceite nunha grella e cocer as hamburguesas de polo a lume medio. Salpementar. 
  11. Para empratar, trazar un círculo coa salsa de tomate e queixo e pousar a hamburguesa de polo nun lateral. Decorar coa cebola caramelizada e un pouco de queixo feta esmiuzado.

Se queres outro lado da hamburguesa de polo de crecemento lento, recomendámosche esta receita, con espárragos e salsa de chícharos.