
O polo con cervexa é un clásico que nunca falla. Nesta ocasión apostamos por aromatizalo con cítricos para lle dar un toque exótico: presentámosche este delicioso polo asado con cervexa, laranxa e maracuxá.
Para lograr un resultado insuperable, asamos un polo de crecemento lento, moito máis saboroso e tenro que o polo convencional. A calidade nótase no padal. Bo proveito!
Elaboración
- Prequentar o forno a 200 °C.
- Pelar e partir as cebolas en oitavos. Reservar.
- Partir a cabeza de allos pola metade. Reservar.
- Relar a pel e espremer 50 ml de zume de laranxa. Partir a laranxa restante en anacos medianos. Reservar por separado.
- Picar dúas ramas de romeu e dúas de tomiño. Reservar.
- Triturar cun procesador de alimentos as herbas aromáticas picadas coa reladura da laranxa e 50 ml de aceite. Reservar.
- Pintar o polo co aceite aromatizado de antes e salpementar por dentro e por fóra.
- Reencher o polo con algúns anacos da laranxa partida e verter un pouco de cervexa.
- Atar as patas traseiras do polo cun fío para que conserven a forma durante a cocción, e despois pousalo sobre unha bandexa de forno coa peituga para abaixo.
- Verter sobre o polo a metade da cervexa, do zume de laranxa e de maracuxá, e engadirlle unhas ramiñas de tomiño e romeu.
- Meter ao forno a 200 °C durante 20 minutos.
- Baixar a temperatura a 185 °C e incorporar as patacas coas cebolas e a cabeza de allos. Asar durante 45 minutos e ir vertendo a salsa da bandexa por riba do polo durante a cocción.
- Darlle a volta ao polo, incorporar os anacos de laranxa restantes e verter a outra metade de cervexa, zume de laranxa e maracuxá. Asar durante 45 minutos máis.
- Deixar repousar o polo durante 10 minutos tapado con papel de aluminio.
- Para empratar, partir en racións o polo asado con cervexa, laranxa e maracuxá. Servir co mollo da cocción e cun pouco de pataca e cebola.
Se che gustan os asados, tampouco podes perder esta receita de polo asado de crecemento lento con verduras e aceitunas negras.