
Existen moitos praceres na vida, mais son poucos os que lle fan sombra ao noso polo asado con mel e mostaza. Marchando esa receita!
Non é segredo ningún que o mel e a mostaza xuntas forman un dúo difícil de superar. A dozura do mel contrasta con todo o umami da mostaza, e velaí a causa de que queiramos repañar o prato enteiro.
En Bon Pollo gústanos acompañar esta receita con arroz basmati e verduriñas, que sempre combinan de marabilla con calquera carne.
Deixámoste co paso a paso das elaboracións para que aprendas todos os trucos para preparares este polo asado con mel e mostaza!
Elaboración
- Prequentar o forno a 180 °C.
- Pelar e picar as cebolas en dados medianos (mirepoix). Reservar.
- Pelar e picar os dentes de allo (sen o xerme) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Pelar e picar as cenorias e as patacas en toros medianos. Reservar.
- Mesturar nun cunco os allos, a mostaza, o mel, un chorriño de limón e de aceite, unhas follas de tomiño e de romeu picadas e un chisco de sal e pementa. Mesturar e reservar.
- Colocar nunha bandexa de forno os cuartos traseiros xunto coas cebolas, as cenorias, as patacas, os tomates e o brandy.
- Salpementar a carne e untar a metade da mestura de mostaza e mel. Meter no forno durante 30 minutos a 180 °C, xirar a carne e volver untar o resto da mestura. Deixar no forno durante 45 minutos máis. Reservar.
- Ferver nunha ola o arroz basmati cun chisco de sal e unhas follas de loureiro durante 15 minutos a lume medio. Escoar.
- Para empratar, servir o polo asado con mel e mostaza nun prato e acompañar coas verduras ao forno e un pouco de arroz basmati.
Gustouche esta receita? Bota un ollo pola nosa web para atopares as opcións que máis che apetezan. Que tal este caldo de polo con lacón e grelos?