Polo con améndoas

Ingredientes para 4 persoas

3 peitugas de polo enteiras de Bon Pollo
1 cebola
2 dentes de allo
2 cenorias
4 g de xenxibre
160 g de cogomelos
100 g de améndoas torradas
6 g de maicena
40 g de mel
300 ml de caldo de polo
100 ml de salsa de soia
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Este polo con améndoas vaite transportar aos mellores restaurantes da China, o xigante asiático. A súa doada elaboración e deliciosa combinación de sabores farán que esta receita se converta nunha das túas favoritas, e vas repetir unha e outra vez!

A maceración é fundamental para que o polo se impregne dos sabores da salsa de soia, do xenxibre e do mel. Deste xeito, imos conseguir que cada bocado conteña notas salgadas, picantes e doces ao mesmo tempo.

O mellor é que, ademais de rico, este prato tamén che é moi equilibrado: contén verduras, froitos secos e a proteína do polo, e pódelo complementar con arroz branco para lle engadir calorías. Bo proveito!

Elaboración

  1. Cortar as peitugas de polo en dados medianos. Reservar.
  2. Pelar e relar o xenxibre. Reservar.
  3. Mariñar o polo nun cunco coa salsa de soia, o xenxibre e o mel durante 30 minutos na neveira.
  4. Pelar e cortar a cebola e os allos á xuliana. Reservar.
  5. Pelar e picar as cenorias en toros. Reservar.
  6. Partir os cogomelos en anacos. Reservar.
  7. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e dourar os allos a lume medio.
  8. Incorporar a cebola e as cenorias. Salpementar e refogar durante 5 minutos.
  9. Engadir os cogomelos e as améndoas. Mesturar e cociñar durante 5 minutos máis. Reservar.
  10. Na mesma tixola, marcar o polo macerado a lume medio-alto.
  11. Incorporar as verduras e as améndoas anteriores, o caldo e a maicena (previamente disolvida nun pouco de auga). Cociñar durante 15-20 minutos a lume medio, remexendo de cando en vez.
  12. Para empratar, servir o polo con améndoas nun prato e acompañar cun pouco de arroz branco.