Polo con escabeche cítrico e verduras

Ingredientes para 4 persoas

1 bandexa de polo partido de Bon Pollo
4 cebolas
2 dentes de allo
3 cenorias
½ brócoli
1 nabo branco
1 lima
1 limón
1 laranxa
40 ml de vinagre de arroz
20 ml de salsa de soia
8 follas de loureiro
Sésamo negro
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Agora que vén o bo tempo apetecen pratos frescos e deliciosos, como este polo con escabeche cítrico e verduras.

A de hoxe é unha proposta sinxela e elegante, pensada para ser o prato estrela da mesa. O ingrediente principal é o polo, combinado cunha magnífica salsa de cítricos e verduras que complementan e potencian o seu sabor. Non descoides o toque final: amosámosche como se fai un empratamento digno dun chef.

Elaboración

  1. Pelar e partir as cebolas en xuliana fina. Reservar.
  2. Pelar e esmagar os dentes de allo. Reservar.
  3. Pelar e tornear as cenorias. Reservar.
  4. Pelar e picar o nabo en dados moi pequenos (brunoise). Reservar.
  5. Lavar e cortar as inflorescencias do brócoli en anacos pequenos. Reservar.
  6. Relar a pel e espremer o zume da lima, do limón e da laranxa. Reservar por separado.
  7. Nunha ola, escaldar con auga a ferver e sal as inflorescencias do brócoli (durante 1 minuto) e as cenorias (durante 5 minutos). Arrefriar con auga e xeo, escoar e reservar.
  8. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e cociñar o polo en anacos coas follas de loureiro e os dentes de allo a lume medio. Salpementar e reservar en quente.
  9. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir as cebolas a lume medio. Salpementar.
  10. Desglasar coa salsa de soia e refogar un par de minutos.
  11. Incorporar o zume de lima (30 ml), de limón (50 ml), de laranxa (30 ml), un chisco de todas as reladuras e o vinagre de arroz. Cocer todo xunto durante 5 minutos. Deixar a arrefriar.
  12. Triturar a elaboración anterior cun procesador de alimentos engadindo 10 ml de aceite de oliva, sal e pementa ata obter un mollo homoxéneo e liso.
  13. Para empratar, pór unha base de salsa de escabeche cítrico no prato e pousarlle enriba o polo en anacos e mais as verduras (cenoria, nabo e brócoli). Decorar cun chisco de sésamo negro.

Gústache o toque cítrico nas receitas de polo? Recomendamos estes pinchos de polo marinados con mel e lima.