Polo con espinacas, queixo e cogomelos shiitake

Ingredientes para 4 persoas

1 bandexa de filetes de peituga enteira de Bon Pollo
2 cebolas
2 dentes de allo
100 g de espinacas
100 g de tomates secos en aceite
120 g de cogomelos shiitake
50 g de noces escascadas
250 ml de caldo de verduras
250 ml de nata
80 g de queixo en po
Herbas provenzais
Sésamo negro
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Deixamos atrás os meses de máis calor e aínda nos apetecen pratos saudables, pero que comecen a ter un toque outonal. O polo con espinacas, queixo e cogomelos shiitake que preparamos hoxe é perfecto para este comezo de setembro.

O polo á prancha gústalle a todo o mundo, pero sen un saboroso acompañamento pode resultar aburrido. O mollo que adereza este prato vaiche encantar. Os cogomelos shiitake e os tomates secos vanlle dar todo o sabor que esta receita necesita. E o queixo, como non, acabará de potenciar os aromas. Non esperes máis para cociñar este prato que lle vai gustar a todo o mundo.

Elaboración

  1. Cortar as peitugas de polo pola metade, de maneira horizontal. Reservar.
  2. Pelar e picar as cebolas e os dentes de allo en dados pequenos (brunoise). Reservar.
  3. Lavar e partir as espinacas. Reservar.
  4. Escoar e cortar os tomates en tiras. Reservar.
  5. Cortar os cogomelos shiitake en xuliana. Reservar.
  6. Picar as noces cun coitelo. Reservar.
  7. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir as cebolas cos dentes de allo a lume medio.
  8. Incorporarlle os tomates, as espinacas e os cogomelos shiitake. Refogar durante 5 minutos a lume medio-baixo. Salpementar.
  9. Engadir o caldo, a nata, o queixo e as noces. Mesturar e deixar que se faga todo xunto durante 5 minutos a lume medio-baixo. Rectificar a cantidade de sal e pementa ao gusto. Reservar quente.
  10. Quentar un pouco de aceite nunha grella e cociñar as peitugas de polo a lume medio. Salpementar e engadirlle unhas poucas herbas provenzais.
  11. Para empratar, servir as peitugas de polo á grella e acompañar co mollo de espinacas, queixo e shiitake. Empoar cun chisco de sésamo negro por riba.

Se che gustou a receita do polo con espinacas, queixos e cogomelos shiitake, consulta esta crema fría de espinacas con polo especiado. Un verdadeiro pracer saudable!