Esta receita váleche para todo: pódela preparar calquera día de semana, pero tamén vas quedar como o anfitrión ideal se a cociñas nunha ocasión máis especial.
O segredo deste prato, alén de elaboralo con produtos de calidade, está na vinagreta final. A fusión de mel e mostaza fai que este mollo sexa un dos máis queridos, xa que conserva toda a dozura do mel e o sutil punto picante da mostaza. Ademais é o adubo perfecto para a carne de ave. Por iso en Bon Pollo suxerímosche que elabores unha vinagreta con estes ingredientes para acompañares o polo con fabas, brócoli e alcachofas.
Se che gustou esta receita e es amante de combinar o polo con verduras coma as que propomos hoxe, non podes quedar sen probar as blanquetas de polo ao curry con mazá e brócoli. Sen dúbida, outra receita para mollar pan. Literalmente.
Elaboración
- Cortar os escalopes de polo en dados medianos. Reservar.
- Pelar e picar as cebolas en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Pelar e picar os allos tenros en toros medianos. Reservar.
- Debullar as fabas. Reservar.
- Quitarlles as primeiras follas verdes ás alcachofas, pelarlles o talo, cortarlles a punta e abrir pola metade. Retirarlles os pelos interiores e partir en cuartos. Reservar nun cunco con auga e un chisco de zume de limón.
- Lavar e cortar as inflorescencias do brócoli en anacos medianos. Reservar.
- Partir as abelás cun coitelo. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha cazola e dourar os dados de polo cun pouco comiño, sal e pementa. Reservar.
- Na mesma cazola, rustrir as cebolas e os allos tenros a lume medio. Salpementar.
- Desglasar co viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Incorporar as fabas, as alcachofas e o brócoli. Cociñar durante 5 minutos a lume medio baixo.
- Engadir os dados de polo, as abelás e o caldo. Mesturar e cocer tapado durante 10 minutos máis. Reservar.
- Cun procesador de alimentos, mesturar 60 ml de aceite, o mel, a mostaza, o vinagre e un chisco de sal e pementa. Procesar ata obter unha vinagreta homoxénea.
- Para empratar, servir o polo con fabas, brócoli e alcachofas nun prato, botarlle por riba un chisco de menta picada e botarlle tamén a vinagreta (ao gusto).