
Esta receita de polo con marmelo, pataca doce e piñóns vaise converter nunha das túas favoritas.
É un deses pratos outonais que tanto nos gustan. Prepárase con produtos de tempada, que realzan os sabores dun delicioso guiso de polo.
Comeza cun bo rustrido de cebola e allo. Despois, engádelle o marmelo e a pataca doce: vanlle dar un punto doce que combina á perfección coa suavidade dos nosos zanquiños de polo. Para lograres un toque crocante, recomendámosche saltear unha presada de piñóns.
Así e todo, o segredo desta receita está, como non podía ser doutra maneira, no mollo. Reduce un litro de caldo de polo con viño, especias e un toque de limón, e deixa a cocer os zanquiños nel polo menos durante 40 minutos. Só che vai faltar ir por pan!
Elaboración
- Pelar e picar as cebolas e os dentes de allo en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Pelar e picar os marmelos e as patacas doces en dados medianos (mirepoix). Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha cazola e dourar os zanquiños de polo a lume medio-alto. Salpementar e reservar.
- Na mesma cazola, dourar as cebolas cos allos a lume medio. Salpementar.
- Desglasar co viño Pedro Ximénez e subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Incorporar os marmelos e as patacas doces. Mesturar e cocer durante un par de minutos a lume medio.
- Engadir os zanquiños de polo co caldo, a canela, unhas follas de loureiro e un chisco de tomiño. Tapar e cocer durante 40-50 minutos a lume medio.
- Incorporar os piñóns e cocer un par de minutos máis.
- Para empratar, servir os zanquiños de polo con marmelo e patacas doces nun prato fondo e empoar cun chisco de tomiño.
Se estás a buscar outras receitas de guisos de polo, recomendámosche estas blanquetas de polo con salsa de chocolate e laranxa. Ideal para os días máis fríos!