
Ninguén se pode resistir a un gorentoso e tradicional polo guisado con patacas.
Este prato é idóneo para preparar nunha fin de semana de chuvia e desfrutalo con toda a familia. E, falando de acompañamento, que non che falte o pan! Ademais, recomendámosche elaboralo con ingredientes de proximidade: notarás a diferenza no resultado final.
Un consello: se es detallista e queres rozar a perfección, tes que ser paciente. Respecta o tempo de cocción indicado para conseguir que o polo che quede o máis tenro posible. As cousas boas queren o seu tempo!
Elaboración
- Pelar e picar a cebola, a cenoria e o apio en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Machucar os dentes de allo. Reservar.
- Lavar e picar o pemento (sen as partes brancas nin as sementes) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Pelar e escachar a pataca en anacos pequenos. Reservar.
- Partir os orellóns en cuartos. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha cazola e dourar o polo partido en anacos cos allos e unhas follas de loureiro. Salpementar e reservar.
- Na mesma cazola, rustrir a cebola, a cenoria, o pemento e o apio durante 5 minutos a lume medio. Salpementar.
- Engadir a pataca, as ervellas e os orellóns. Refogar durante uns minutos.
- Incorporar a salsa de tomate e o viño tinto. Subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Engadir o polo, o caldo, unhas follas de loureiro, tomiño, un chisco de sal e pementa. Cocer durante 45 minutos a lume medio, semidestapado.
- Para empratar, servir o polo guisado con patacas nun prato fondo e botarlle por riba un pouco de perexil picado.
Se tes predilección polas receitas tradicionais, non perdas este polo con ovos fritidos e chourizo.