Polo macerado con salsa de turrón

Ingredientes para 4 persoas

1 bandexa de peituga partida de Bon Pollo
1 cebola
1 dente de allo
70 g de améndoa marcona
400 ml de nata líquida
20 ml de viño branco
164 g de turrón de Xixona
260 ml de salsa de soia
280 ml de auga mineral
1 limón
Chocolate negro
Grosellas vermellas
Ceboliño
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Quen di que o turrón ten que ser unha sobremesa? Tamén o podes usar para sorprender con suculentos pratos salgados.

Se non o cres, préstalle atención a esta receita de Nadal. En Bon Pollo atrevémonos a combinar polo macerado cunha cremosa salsa de turrón de Xixona. O resultado é unha auténtica delicia, ideal para conquistares os teus convidados nestas datas.

Elaboración

  1. Cortar as peitugas de polo en dados grandes. Reservar.

  2. Pelar e picar a cebola e o dente de allo (sen o xermolo) en dados pequenos (brunoise). Reservar.

  3. Relar e espremer o limón. Reservar por separado.

  4. Esmigallar o turrón de Xixona. Reservar.

  5. Macerar nun cunco as peitugas de polo coa salsa de soia, a auga mineral, a reladura e o zume do limón, o allo e un chisco de pementa negra. Cubrir con papel filme pegándoo no polo e reservar durante 20 horas na neveira.

  6. Prequentar o forno a 200 °C.

  7. Coar os dados de peituga de polo e meter ao forno cun chisco do líquido do macerado e un chorriño de aceite a 200 °C durante 20 minutos. Reservar.

  8. Quentar un chisco de aceite de oliva nunha tixola e rustrir lixeiramente a cebola. Salpementar.

  9. Desglasar co viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.

  10. Incorporarlle as améndoas e refogar a lume medio durante uns minutos.

  11. Engadir o turrón, mesturar e verter a nata líquida. Remexer ata que o turrón se funda e a salsa adquira unha textura cremosa. Rectificar a cantidade de sal e pementa ao gusto. Reservar.

  12. Para empratar, debuxar unha liña coa salsa de turrón e colocarlle enriba tres anacos de polo macerado. Relar un pouco de chocolate negro e decorar con grosellas vermellas, améndoas e ceboliño picado.

Buscas máis ideas de receitas de vacacións? Que vos parece este xamón de polo con cava, ameixas e améndoas?