Polo mariñado con trigo mouro e salsa de coandro

Polo mariñado con trigo mouro e salsa de coandro

Ingredientes para 4 persoas

2 bandexas de peituga enteira de Bon Pollo
300 g de trigo mouro (tamén chamado trigo sarraceno)
1,5 L de caldo de verduras
1 cebola
1 dente de allo
70 g de coandro fresco
1 lima
1 limón
300 ml de leite de coco
1 brócoli
24 g de xenxibre fresco
Chile verde
Comiño
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Polo mariñado con trigo mouro e salsa de coandro

Se es amante do coandro, non podes deixar escapar a receita de hoxe: polo mariñado con trigo mouro e salsa de coandro. 

A elaboración é moi sinxela. Dámosche un consello: ao mariñares o polo, ten paciencia. Déixao 2 horas na neveira para que se impregne ben da salsa e quede máis saboroso.

Elaboración

  1. Prequentar o forno a 200 °C.
  2. Pelar e picar a cebola en xuliana fina. Reservar.
  3. Pelar e picar o xenxibre e o dente de allo (sen o xermolo) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
  4. Lavar e cortar en anaquiños pequenos as inflorescencias do brócoli. Reservar.
  5. Espremer os cítricos e reservar por separado.
  6. Nun cunco con auga, lavar o trigo mouro varias veces. Reservar.
  7. Cun procesador de alimentos, triturar 40 g de coandro co zume de limón, un chisco de auga e aceite de oliva. Salpementar ao gusto e procesar ata obter un líquido homoxéneo.
  8. Mariñar o polo coa salsa anterior na neveira, cuberto con papel filme, durante 2 horas. Darlle a volta de cando en vez.
  9. Pasado o tempo de mariñado, escorrer e meter ao forno cun chisco de aceite, sal e pementa a 200 °C durante 25 minutos. Cortar en láminas e reservar.
  10. Ferver o caldo e engadirlle sal ao gusto. Incorporar o trigo mouro e cocer a lume lento durante 15 minutos. Escorrer e reservar.
  11. Quentar un chisco de aceite de oliva nunha tixola e rustrir lixeiramente a cebola co dente de allo. Salpementar.
  12. Engadir o chile verde (ao gusto), o xenxibre, o leite de coco, o zume da lima, o coandro restante e mais o comiño (ao gusto). Cociñar a lume medio durante un par de minutos.
  13. Triturar a salsa cun procesador de alimentos. Rectificar a cantidade de sal e pementa ao gusto.
  14. Nun cunco, mesturar o trigo mouro coa salsa verde. Reservar.
  15. Nunha ola de auga a ferver e sal, escaldar as inflorescencias do brócoli durante 5 minutos. Deixar a arrefriar con auga e xeo. Secar e reservar.
  16. Para empratar, botar o trigo mouro coa salsa verde na base do prato e a peituga de polo mariñada enriba. Decorar coas inflorescencias do brócoli.

Se che gusta cociñar pratos creativos, bota unha ollada a esta receita de delicias de polo con texturas de alcachofa e lima. Delicioso!