Polo recheo con cabaza, mazá e uvas

Polo recheo con cabaza, mazá e uvas

Ingredientes para 4 persoas

1 polo enteiro eviscerado de Bon Pollo
1 cebola
1 dente de allo
100 ml de caldo de polo
100 ml de viño Pedro Ximénez
150 g de cabaza
1 mazá vermella
50 g de tacos de xamón de ceba
70 g de ameixas deshidratadas
80 g de froitos secos
10 patacas baby
150 g de uvas negras ou moradas
Tomiño seco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Polo recheo con cabaza, mazá e uvas

Despedimos o ano ao grande: cun polo recheo de cabaza, mazá e uvas. Talvez o 2020 non fose como esperabamos, motivo de máis para celebrarmos a Noitevella con ledicia, esperanza e, por suposto, cunha deliciosa cea.

Esta receita é tan doada que, mentres a fas, terás tempo para arranxar a casa e mesmo facer unha lista de propósitos para o novo ano. Cociñar máis receitas suculentas coma esta é o primeiro punto da nosa lista, témolo claro. Feliz ano!

Elaboración

  1. Prequentar o forno a 180 °C con temperatura arriba-abaixo e aire.
  2. Lavar e partir á metade as patacas e as uvas. Reservar.
  3. Pelar e picar a cebola, o dente de allo (sen o xermolo), a cabaza e a mazá vermella en dados medianos (mirepoix). Reservar.
  4. Mesturar nun cunco os ingredientes anteriores (agás a cabaza) engadíndolle as ameixas, os froitos secos, o viño Pedro Ximénez (50 ml) e un chisco de tomiño seco. Salpementar e mesturar ben.
  5. Salpementar o polo por dentro e encher cunha culler a zaragallada anterior xunto cos tacos de xamón de ceba, apertando para que quede ben compacto.
  6. Coser a abertura do polo ata que quede completamente cerrada, para que o interior non saia para fóra. Atar os zancos cun cordel.
  7. Pousar o polo recheo sobre unha bandexa de forno e repartir a zaragallada anterior que sobrou pola bandexa, incluíndo os dados de cabaza. Engadir un pouco de aceite de oliva e salpementar.
  8. Incorporar o caldo de polo e o viño Pedro Ximénez restantes.
  9. Meter ao forno a 180 °C durante 1 hora e 15 minutos aproximadamente. Á metade da cocción, darlle volta ao polo. De cando en vez, ir botándolle por riba o caldo que hai na prata.
  10. Deixar a repousar o polo fóra do forno tapado con papel de aluminio durante uns minutos e cortar en racións.
  11. Para empratar, servir o polo recheo e acompañar coa mestura de cabaza, mazá e uvas.

Se buscas outras receitas de polo recheo, pensamos que che gustará este tradicional polo recheo con limón, tomiño e ameixas. Un clásico que nunca falla!