
A receita de hoxe é perfecta para calquera ocasión e época do ano: polo recheo de limón, tomiño e ameixas.
O recheo a base de cítricos é unha das receitas clásicas para este tipo de carne, conque o éxito adoita estar garantido. Ademais, se vos gusta o tomiño, este prato vaivos vir ao pelo porque o seu aroma combina moi ben co limón. Outro punto ao seu favor é o contraste entre o salgado e os toques doces que lle confiren as ameixas deshidratadas. Para terminar, rematámolo cunha gornición de pataca doce, patacas baby e ameixas. Bo proveito!
Elaboración
- Prequentar o forno a 175 °C.
- Lavar e picar as patacas en cuartos e o limón en oitavos. Reservar.
- Pelar e picar a pataca doce en dados medianos. Reservar.
- Picar un dente de allo (sen o xerme), tres ramiñas de tomiño e dúas de romeu. Mesturar cun chisco de aceite e triturar.
- Pintar o polo co aceite aromatizado e salpementar por dentro e por fóra.
- Reencher coas ameixas deshidratadas, o limón, un dente de allo esmagado e mais o tomiño. Verter un pouco de caldo e viño branco por dentro.
- Atar as patas traseiras do polo cun fío para que conserven a forma durante a cocción, e despois pousalo sobre unha bandexa de forno coa peituga para abaixo.
- Engadir as patacas e a pataca doce na prata. Salpementar e engadir un chisco de aceite de oliva.
- Repartir o resto do caldo de polo e viño branco pola bandexa.
- Meter ao forno (con calor abaixo e ventilador) durante 90 minutos. Ir botándolle de cando en vez o zume do polo por riba. Se queda moi seco, engadirlle un chisco máis de caldo.
- Transcorrida unha hora, darlle a volta ao polo, pousalo coa peituga para arriba e seguir coa cocción.
- Deixar repousar o polo durante 10 minutos, partir en racións e servilo coas ameixas, as patacas e a pataca doce asada.
Se che gustou como acompañaban as ameixas ao polo, seguro que che encantarán estas ás de polo de mel.