
Estas miniquiches de polo con cabaza e cogomelos son o entrante perfecto para unha celebración cos amigos ou coa familia.
Peituga de polo, cabaza, cogomelos variados, cebola, ovos, nata e queixo emmental. Con estes ingredientes, como non van estar deliciosas as nosas miniquiches?
Por se fose pouco, a elaboración é sinxelísima. Refoga a fogo vivo a cebola, o polo e os cogomelos nunha tixola, mete ao forno os dados de cabaza e mestura todo nun cunco cos ovos, a nata e o queixo.
Só che faltará cortar a masa quebrada en distintas porcións do tamaño dos moldes individuais e enchelas coa mestura. Iso si, lémbrate de perforalas previamente cun garfo para que non che suban. E ao forno!
Se non tes moldes para miniquiches, non te preocupes. Podes cociñar unha única quiche grande cos mesmos ingredientes: vai saír igual de rica!
Elaboración
- Prequentar o forno a 200 °C.
- Cortar as peitugas de polo en dados medianos. Reservar.
- Pelar e picar a cabaza e a cebola en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Partir os cogomelos en anacos. Reservar.
- Meter ao forno nunha bandexa os dados de cabaza cun chorriño de aceite, sal e pementa durante 30-40 minutos a 200 °C Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir a cebola a lume medio. Salpementar.
- Desglasar co viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Incorporar o polo e cocer durante 5 minutos a lume medio. Salpementar.
- Engadir os cogomelos e fritir a lume alto durante 5 minutos máis. Reservar.
- Cortar a masa quebrada segundo o tamaño dos moldes individuais.
- Forrar os moldes individuais con papel vexetal e estender a masa quebrada. Picar cun garfo e colocar un peso enriba para que non se inche. Meter no forno a 180 °C durante 20 minutos. Reservar.
- Mesturar nun cunco os ovos coa nata.
- Incorporar a cabaza cocida ao forno, o rustrido de polo e o queixo. Mesturar e salgar.
- Verter a mestura nos moldes e meter ao forno durante 30-45 minutos a 180 °C, ata que as quiches queden calladas.
- Para empratar, servir as miniquiches de polo e cabaza nun prato.
Se queres consultar outras receitas similares, proba con esta deliciosa videorreceita de quiche de polo con cogomelos.