Aínda que moitos crean que o ramen é un prato tradicional xaponés, en realidade ten a súa orixe no laa-mien chinés. Conta a lenda que Tokugawa Mitsukuni, un señor feudal nipón do século XVII, foi o primeiro en probar a receita preparada por un exiliado chinés. Aquela sopa tradicional enriqueceuse con xenxibre, ceboliño e allo, dando lugar ao ramen.
Outros expertos defenden que, en realidade, a orixe debe situarse a finais do século XIX, cando o Xapón abriu as súas fronteiras e recibiu moitos inmigrantes chineses. Estes popularizaron os postos de comida de rúa onde se vendían os fideos, e os xaponeses adoptaron o costume por se tratar dun prato saudable, económico e moi saboroso.
Sexa como for, este ramen de polo e cogomelos é unha bomba de sabor grazas aos seus múltiples ingredientes: a salsa de soia, o miso, o polo, os cogomelos shiitake, a col chinesa, as algas nori… unha vez probado este ramen caseiro, non vas querer volver á súa variante precociñada!
A seguir deixámosche todos os pasos para preparares esta receita. E no noso Instagram atoparás a versión en vídeo. A desfrutar!
Elaboración
- Cortar a ceboliña e a cenoria en toros, e os cogomelos e a col en xuliana. Relar o xenxibre.
- Macerar a peituga de polo nun cunco con 30 ml de salsa de soia, 15 ml de aceite e un chisco de caiena (ao gusto) durante 30 minutos na neveira.
- Quentar un pouco de aceite nunha tixola e cociñar a peituga de polo durante 2-3 minutos a lume forte por cada lado. Tapar, baixar o lume e cociñar durante 10 minutos máis. Deixar repousar uns minutos fóra do lume e partir en toros medianos.
- Ferver os ovos nun cazo durante 6-7 minutos a lume medio. Deixar a arrefriar, pelar e partir pola metade.
- Ferver nunha ola o caldo de polo co xenxibre, a salsa de soia restante e o viño branco doce durante 10 minutos.
- Incorporar os fideos noodles e ferver durante 3-4 minutos.
- Verter as verduras e a alga nori. Cocer segundo as preferencias de puntos de cocción (se se quere que as verduras queden ben cocidas ou que estean máis crúas).
- Apartar do lume e engadir o miso disolvido en auga tibia e os cogomelos. Mesturar ben.
- Para empratar, servir o ramen nun cunco fondo e colocar uns toros de polo e un ovo. Botarlle por riba un pouco de sésamo negro, e a comer ben quentiño!