
Non hai nada como un bo prato de comida caseira, preparado con tempo e cariño, para agasallar os nosos seres queridos.
E, sen dúbida, este redondo de polo reenchido de xamón e queixo combina todos os ingredientes para conseguir un resultado delicioso. Sérvese cunha gornición de orellóns, pasas e ameixas deshidratadas para lograr o equilibrio perfecto entre os sabores doces e salgados.
Unha das grandes vantaxes deste prato é que o podes preparar con antelación, para que cando chegue o día sinalado te poidas relaxar e gozar cos teus comensais mentres quentas o redondo.
Bo proveito!
Elaboración
- Prequentar o forno a 180 °C.
- Pelar e partir as chalotas pola metade. Reservar.
- Pelar e partir as patacas en cuarteiróns. Reservar.
- Cortar o queixo tetilla en liscos. Reservar.
- Colocar nunha bandexa de forno as chalotas, as patacas, unhas ramas de tomiño picadas, un chorriño de aceite e un chisco de sal e pementa.
- Meter ao forno durante 1 hora a 180 °C mesturando de cando en vez.
- Desosar os zancos de polo sen lles quitar a pel, espalmar e salpementar.
- Coa pel boca abaixo, colocar un lisco de xamón cocido, uns liscos de queixo tetilla e outro de xamón cocido. Repetir o proceso cos outros zancos de polo.
- Enrolar a carne e atala cun fío.
- Colocar nunha bandexa do forno os redondos de polo engadindo o caldo e o brandy.
- Meter ao forno durante 35-45 minutos a 180 °C ata que a pel quede dourada. Ir vertendo os xugos da bandexa por riba da carne durante a cocción.
- Incorporar as pasas, os orellóns e as ameixas. Deixar no forno durante 10 minutos máis.
- Para empratar, cortar o redondo de polo reenchido de xamón e queixo en toros medianos e servilos coas patacas e os froitos deshidratados ao forno. Decorar cunhas follas de tomiño picadas.