Revolto de grelos con polo e queixo

Revolto de grelos con polo e queixo

Ingredientes para 4 persoas

1 bandexa de filetes de peituga fileteada Bon Pollo
120 g de grelos frescos
175 g de queixo de tetilla
2 dentes de allo
4 ovos medianos
10 g de piñóns
2 g de comiño en po
Sésamo negro
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Revolto de grelos con polo e queixo

Hoxe traémosvos unha receita en que o grelo, unha das especialidades culinarias máis emblemáticas da gastronomía galega, é un dos principais protagonistas. Trátase dunha verdura de sabor intenso e incomparable que mellora a absorción e dixestión doutros alimentos. Os grelos axudan a reforzar os sistemas inmunitario, nervioso e cardiovascular, de xeito que son o perfecto aliado para previr múltiples doenzas. Acompañados dunha saborosa peituga de polo e, como non, de queixo de tetilla, outro dos grandes representantes do país, teremos un prato con personalidade e fácil de elaborar. Viaxa a Galicia sen te moveres da casa!

Elaboración

  1. Cortar os filetes en tiras pequenas. Reservar.
  2. Lavar, escoar e cortar os grelos en anacos medianos. Reservar.
  3. Retirarlle a codia ao queixo de tetilla e picalo en tacos medianos. Reservar.
  4. Pelar os allos, quitarlles o xermolo e picalos en láminas. Reservar.
  5. Quentar nunha tixola un chisco de aceite de oliva e dourar as tiras de filetes. Salpementar e reservar.
  6. Na mesma tixola, engadir un chisco de aceite e saltear o allo sen que chegue a dourar. Engadir os grelos cortados e refogalos a lume lento durante un par de minutos mesturando ben todo xunto.
  7. Incorporarlle o comiño, os piñóns e as tiras de polo. Remexer e cociñar todo durante un minuto máis. Salpementar ao gusto.
  8. Bater nun cunco os ovos cun chisco de sal. Engadir na tixola, remexer e cociñar todo durante un minuto sen deixar que os ovos callen moito.
  9. Engadir o queixo de tetilla e cociñar un minuto máis ata que se funda.
  10. Servir o revolto de grelos con polo e queixo cunhas torradas de sementes. Botarlle por riba o sésamo negro.

Se che gustan as receitas con produtos tradicionais galegos, non podes perderte este risotto con queixo tetilla e cogomelos.