Os nem (roliños vietnamitas) son unha receita doada, divertida e, sobre todo, moi saudable. Estes roliños elabóranse con obleas de arroz e admiten todo tipo de contido no seu interior. O resultado é un xogo de texturas, sabores e matices.
En Bon Pollo elaborámolos con polo esfiañado e con verduras crúas, que nos proporcionan un toque crocante en boca. Neste caso, apostamos pola cenoria, a col lombarda e a leituga. Ademais, engadímoslle aguacate, que lle dá unha cremosidade moi interesante.
Se non hai maneira de que os máis pequenos da casa coman verdura, asegurámosche que, camuflada deste xeito, vailles encantar! Mesmo van querer pór eles o mandil para cociñaren contigo os nem vietnamitas.
Antes de te renderes coas obleas de arroz, compartimos contigo un par de trucos, porque é moi probable que che queden pegadas ás mans e che resulte imposible elaborar un nem en condicións. Tes que mollar cada oblea en auga de maneira uniforme durante uns 5 segundos (ou o que indique o fabricante). Se te pasas, quédanche demasiado pegañentas. Non hidrates todas á vez: vai facendo os roliños un por un e non remolles unha nova oblea mentres o nem anterior non estea acabado.
Á hora de confeccionares os nem, vas ter que colocar os distintos ingredientes agrupados nun lateral da oblea. Ah, e non os enchas en exceso, ou vaiche ser moi difícil darlles forma aos roliños de polo. Xa verás como che irán saíndo mellor coa práctica!
Elaboración
- Machucar os dentes de allo. Reservar.
- Pelar e picar as cenorias en xuliana. Reservar.
- Pelar e cortar o aguacate en tiras. Reservar na neveira cun chisco de zume de limón. Reservar.
- Lavar e picar a leituga. Reservar.
- Cortar a col lombarda en xuliana fina. Reservar.
- Pelar e picar o xenxibre en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Ferver nunha ola con auga e sal os solombos de polo, os allos machucados, as sementes de comiño e as follas de loureiro durante 20 minutos a lume medio. Coar, arrefriar e esfiañar a carne.
- Quentar un chisco de aceite de sésamo nunha tixola e saltear o solombo de polo esfiañado a lume medio. Salpementar e reservar.
- Cun procesador de alimentos, triturar 100 ml de aceite, o xenxibre, o vinagre, o mel e mais un chisco de sal e pementa. Procesar ata obter unha salsa homoxénea. Reservar na neveira.
- Hidratar unha oblea nunha bandexa con auga durante 5 segundos ou o tempo indicado polo fabricante.
- Pousar todos os ingredientes nun lateral da oblea: un pouco de polo, leituga, cenoria, col e aguacate.
- Enrolar a oblea ata que quede cerrada, e cortarlle as puntas. Repetir o mesmo proceso de hidratación e recheo coas obleas restantes.
- Para empratar, servir os roliños de polo e acompañar coa salsa de xenxibre. Decorar cada roliño cunhas follas de menta.
Se che gustou a receita, bótalle un ollo a estes suculentos roliños de arroz con polo e salsa de iogur.