Roliños de polo con verduras e xamón

Ingredientes para 4 persoas

2 bandexas de peituga fileteada de Bon Pollo
2 cebolas brancas
2 dentes de allo
1 pemento vermello
1 pemento verde
4 tomates
100 g de tacos de xamón
75 ml de viño branco
40 ml de salsa de soia
4 follas de loureiro
4 ramas de tomiño frescas
Pemento en po doce
Sésamo negro
Sésamo branco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Desta volta preparamos unha receita lixeira, pensada especialmente para recuperarnos dos excesos do Nadal: roliños de polo con verduras e xamón.

Primeiro, sofrite as verduras picadas en dados pequenos cos taquiños de xamón. A seguir, coloca os ingredientes sobre as peitugas fileteadas e enrólaas. Mete os roliños no forno durante 20 minutos e desfruta dun prato san e riquísimo.

Elaboración

  1. Prequentar o forno a 200 °C.
  2. Pelar e picar as cebolas e os dentes de allo (sen o xerme) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
  3. Lavar, picar en dados pequenos (brunoise) e retirar as sementes e as partes brancas dos tomates e dos pementos. Reservar.
  4. Quentar un chisco de aceite de oliva nunha tixola e rustrir as cebolas cos dentes de allo a lume medio.
  5. Desglasar co viño e subir o lume para que se evapore o alcohol.
  6. Engadir os pementos, o xamón, os tomates, as follas de loureiro, as ramas de tomiño e o pemento en po (ao gusto). Salpementar e cocer todo xunto durante 5 minutos.
  7. Separar a metade das verduras. Escoar unha metade e triturar a outra (engadirlle un chisco de auga se é preciso). Reservar as verduras escoadas e a salsa triturada por separado.
  8. Estirar os filetes de peituga de polo e colocar unhas culleradas do rustrido de verduras no centro. Enrolar.
  9. Colocar os roliños de polo con verduras e xamón nunha bandexa de forno. Salpementar e engadir un chorriño de aceite, salsa de soia e botarlle por riba o sésamo (branco e negro). Meter ao forno a 200 °C durante 20 minutos.
  10. Para empratar, colocar un chisco de mollo triturado na base do prato e os roliños de polo enriba. Decorar coas verduras do recheo.

As receitas recompilatorias teñen algo especial, non? Son divertidos, saudables e deliciosos. De seguro que tamén che encantarán estes rolos de polo con salsa de cogomelos.