Roliños de arroz con polo e salsa de iogur

Ingredientes para 2 persoas

250 g de peituga de polo fileteada
1 cenoria mediana
100 g de tomates cereixa
40 g de millo
20 g de ensalada mesclun
Obleas de papel de arroz

SALSA DE IOGUR

1 iogur grego
2 culleradas de zume de lima
Aneto
Sal

Déixate sorprender por esta sinxela pero deliciosa receita de roliños de arroz con polo e salsa de iogur grego, unha receita perfecta para os días de verán. Para o recheo destes roliños, propomos unha mestura de vexetais que lle dará un gran frescor e que inclúe cenoria, tomates cereixa e millo. A combinación coa salsa fría de iogur grego non só lle dá un gran sabor, senón tamén unha textura lixeira e crocante moi agradable ao padal.

Elaboración

  1. Salpementar a peituga de polo e pasar pola tixola. Reservar, e cando estea fría, esmiuzar en tiras finas.
  2. Limpar e relar a cenoria.
  3. Picar os tomates cereixa en cuartos.
  4. Para preparar a salsa, colocar todos os ingredientes nun procesador e triturar ata obter a consistencia desexada.
  5. Nunha superficie plana, colocar unha oblea de papel de arroz e, cun pincel, untar de auga polas dúas caras ata que quede branda.
  6. A seguir, colocar un pouco de ensalada mesclun, millo, tomate cereixa, cenoria relada e tiras de polo.
  7. Botar un chisco de salsa por riba e enrolar o papel de arroz.
  8. Empratar os roliños nunha bandexa, botar un pouco máis de salsa por riba e decorar cunhas follas de aneto.

Se estás buscando outras receitas frescas e deliciosas como esta, adiante e cociña estes muslos de polo con sandía e queixo feta.