Este verán dáte un capricho con esta receita de luxo: solombos de polo con salsa de brie, trufa e xamón. Sorprenderás a todos os teus convidados con este prato sinxelo pero digno dos mellores restaurantes.
Os solombos de polo cociñados en manteiga infusionada con alfabaca fresca quedan moi saborosos e tenros. A salsa de queixo e trufa proporciónalle unha textura suave e cremosa, mentres que as tiras de xamón engádenlle un toque crocante perfecto.
Próbao e quererás repetir!
Elaboración
- Prequentar o forno a 200 °C.
- Poñer os liscos de xamón nunha bandexa de forno e metelos ao forno durante 10 minutos a 200 °C con ventilador. Arrefriar e esfaragullar coas mans. Reservar.
- Pelar e picar o allo porro e os dentes de allo en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Retirarlle a codia ao queixo brie e cortar en dados medianos. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nun cazo e rustrir o allo porro e os allos a lume medio. Salpementar.
- Desglasar co brandy e subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Incorporar o queixo, a nata e a salsa de trufa. Mesturar e cocer durante 5 minutos a lume baixo.
- Triturar a elaboración anterior cun procesador de alimentos ata obter un mollo cremoso e homoxéneo. Reservar.
- Desfacer a manteiga nunha tixola cunhas follas de alfabaca e cociñar os solombos de polo a fogo medio. Salpementar.
- Para empratar, debuxar un círculo coa salsa de brie e trufa na base do prato e colocar sobre el os solombos de polo. Botarlle por riba un pouco xamón crocante e servir.