
A sopa éche un clásico de Nadal imprescindible. Aínda que ás veces tentemos ser moi orixinais e busquemos receitas extravagantes, non hai nada como servir un prato delicioso e fumegante para conquistarmos a todos os convidados.
Esta sopa de Nadal con caracois de pasta reenchidos de polo só emprega ingredientes naturais para conseguir un resultado cheo de sabor. O segredo está en dourar as verduras en aceite de oliva e deixar que todos os ingredientes se cociñen a lume lento durante tres horas. Deste xeito vaiche quedar un caldo intenso e exquisito.
Para a presentación, recomendámosche empregar uns caracois de pasta de gran tamaño para que che sexan máis doados de reencher e che luzan máis no prato.
Váiseche facer auga na boca!
Elaboración
- Pelar e partir as verduras en dados medianos (mirepoix). Reservar.
- Pelar e escachar as patacas. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha ola e rustrir a cebola, os allos e o allo porro a lume medio. Salpementar.
- Engadir as verduras restantes e refogar durante un par de minutos.
- Engadir os zancos de polo, 4 litros de auga quente e unhas follas de loureiro. Mesturar e deixar cociñar durante 3 horas a lume medio, e ir tirándolle a espuma. Salgar e coar.
- Partir as verduras do caldo en dados pequenos. Reservar.
- Esfiañar os zancos de polo. Reservar.
- Ferver os caracois de pasta nun cazo co caldo de polo anterior durante 15-20 minutos a lume medio.
- Escoar os caracois de pasta e reencher coas verduras e o polo esfiañado.
- Para empratar, servir a sopa de Nadal nun prato fondo e servir os caracois reenchidos de polo no centro.