Buscas novas maneiras de gozar dos nosos produtos? Esta trenza de polo e brócoli, ademais de deliciosa, éche moi vistosa e doada de preparar.
Para o recheo, corta e sofrite unha cebola e un dente de allo. Agrega os escalopes de polo cortados en tiras e o brócoli relado. Para conseguires aínda máis sabor, podes engadir noces picadas, os cogomelos que máis che gusten e uns anacos de queixo de tetilla.
Facer o trenzado é moi doado: pinta o centro da masa de follado cun chisco de salsa pesto, engádelle o recheo no centro e corta a masa sobrante en tiras. Entrelázaas para conseguir un resultado elegante e sofisticado.
Vas conquistar a todos os comensais co seu aspecto e sabor!
Elaboración
- Cortar os escalopes de polo en tiras medianas. Reservar.
- Pelar e picar a cebola e o allo (sen o xermolo) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Partir os cogomelos e as noces. Reservar.
- Relar o brócoli. Reservar.
- Picar o queixo de tetilla en dados medianos. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir a cebola co allo a lume medio.
- Incorporar as tiras de polo e refogar durante 5 minutos. Salpementar.
- Engadir o brócoli, os cogomelos, as noces e un chisco de ourego. Mesturar ben e cocer durante 5 minutos. Deixar a arrefriar, escoar ben e reservar.
- Prequentar o forno a 190 °C.
- Estirar sobre unha táboa a lámina de follado e pintar o centro da masa con salsa pesto.
- Incorporar o rustrido de polo anterior e o queixo de tetilla.
- Realizar cortes paralelos de arriba a abaixo en ambos os lados da masa.
- Intercalar os cortes dun lado e do outro, de xeito que se cerre a elaboración en forma de trenza.
- Pintar a trenza con ovo batido e botar por riba un chisco de sementes de papoula.
- Meter ao forno durante 25-30 minutos a 190 °C.
- Para empratar, servir a trenza de polo e brócoli nunha táboa e partir en racións. Servir como aperitivo quente ou frío.