Wok de polo con curry

Ingredientes para 4 persoas

1 bandexa de polo partido de Bon Pollo
2 cebolas brancas
2 dentes de allo
2 cenorias
¼ de col lombarda
1 brócoli
1 pemento vermello
75 ml de viño branco
4 g de curry en po
430 g de leite de coco
4 g de xenxibre fresco
1 limón
1 lima
Coandro fresco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Non fai falta viaxar á outra punta do mundo para degustarmos un wok con curry do máis exótico. Atréveste?

A clave está en conseguir unha salsa especiada e saborosa mesturando o curry en po co leite de coco, o coandro e o zume dunha lima e un limón. Os toques frescos e ácidos contrastan coa suavidade do leite de coco e a potencia do curry, e todo isto fai que esta receita sexa unha auténtica delicia. En Bon Pollo estamos convencidos de que con este prato vas impresionar os teus convidados. Recomendámosche preparar racións abundantes: seguro que queredes recuncar!

Elaboración

  1. Pelar e picar as cebolas, as cenorias, a col lombarda e o pemento vermello en xuliana. Reservar.
  2. Lavar e cortar o brócoli en inflorescencias. Reservar.
  3. Pelar e picar o xenxibre e os dentes de allo (sen o xerme) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
  4. Espremer os cítricos. Reservar.
  5. Quentar un chisco de aceite de oliva nunha tixola e dourar a lume medio o polo partido en anacos. Salpementar e reservar.
  6. Na mesma tixola de antes, cun chisco máis de aceite, rustrir lixeiramente as cebolas co xenxibre e os dentes de allo.
  7. Incorporarlle as cenorias, a col lombarda, o brócoli e o pemento. Salpementar e cocer un par de minutos a lume medio.
  8. Desglasar co viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
  9. Engadir o curry en po co leite de coco, o zume dos cítricos e o coandro picado ao gusto.
  10. Rectificar de sal e pementa e refogar un par de minutos a lume medio.
  11. Incorporar o polo en anacos e cocer todo xunto tapado durante 15-20 minutos.
  12. Para servir, colocar na base do prato un niño de verduras, os anacos de polo e a salsa de curry. Decorar cunhas follas de coandro.

Unha vez que entras na cociña asiática estás fascinado e queres aprender máis. Por iso, animámosvos a cociñar este polo con piña e anacardos.