
Cando pensamos nun wrap, é imposible que non nos veñan á cabeza o burrito mexicano ou a shawarma árabe. O caso é que seguramente sexa unha alternativa de calquera destes dous pratos.
Nesta receita ímosche ensinar a preparar paso a paso un magnífico wrap de polo, unha comida tan gorentosa como saudable pola gran cantidade de hortalizas que leva.
En Bon Pollo, un dos aspectos que máis nos gusta desta elaboración é que é totalmente personalizable. Nós ensinámosche o noso xeito de facer o wrap de polo e, se despois queres innovar, iso xa é cousa túa.
Elaboración
- Cortar as peitugas de polo en tiras medianas. Reservar.
- Lavar e picar a leituga. Reservar.
- Pelar e cortar a cebola morada e as cenorias en xuliana. Reservar.
- Lavar e cortar en xuliana os pementos despois de quitarlles as sementes e as partes brancas. Reservar.
- Ferver os ovos nun cazo con auga durante 10 minutos. Deixar a arrefriar, pelar e picar en dados medianos. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha tixola e cociñar as tiras de polo a lume medio. Salpementar e botarlle un chisco de herbas provenzais. Reservar.
- Na mesma tixola, engadir un pouco máis de aceite e rustrir a cebola, as cenorias e os pementos a lume medio. Salpementar ao final da cocción. Reservar.
- Triturar os ovos cocidos con 60 ml de aceite de oliva, 60 ml de auga, un chorriño de zume de limón e un chisco de sal. Procesar ata obter unha maionesa. Reservar.
- Estender en cada tortilla un pouco da maionesa anterior e incorporar unhas follas de leituga, as verduras salteadas e unhas tiras de polo. Dobrar dúas esquinas cara ao interior e enrolar apertando forte.
- Dourar os wraps sobre unha grella a lume medio.
- Para empratar, partir á metade os wraps de polo e servir mornos.