
Non hai nada como o polo asado ao forno: a pel crocante, a carne saborosa e unha rica gornición de verduriñas fan deste prato un dos favoritos de todos os tempos.
A nosa receita engádelle un toque festivo e outonizo a este clásico: zancos de polo con ameixas, pasas e noces de pacana.
O sabor é excepcional e a elaboración, moi sinxela: só terás que picar as verduras e os froitos secos e colocalos ao lado dos zanquiños nunha bandexa de forno. A clave para conseguir un mollo delicioso está en engadirlle un chisco de caldo de polo e, como ingrediente secreto, un chorriño de brandy.
Se andas a buscar unha receita orixinal e moi saborosa, non dubides en probar este manxar!
Elaboración
- Prequentar o forno a 180 °C.
- Pelar e partir as chalotas pola metade. Reservar.
- Machucar os dentes de allo. Reservar.
- Pelar e picar as cenorias en toros. Reservar.
- Colocar nunha bandexa de forno os cuartos traseiros do polo, as chalotas, os allos, as cenorias, as ameixas, as pasas, as noces, unhas follas de loureiro, unhas ramas de tomiño, un chorriño de aceite e un chisco de sal e pementa.
- Meter ao forno durante 45 minutos a 180 °C.
- Incorporar o caldo e o brandy. Meter ao forno 30 minutos máis e ir botándolle por riba o mollo da bandexa.
- Para empratar, servir os zancos de polo nun prato, acompañar coas ameixas, as pasas e as noces ao forno e engadir o mollo da carne.