Zancos de polo guisados en salsa de tomate e alfabaca

Ingredientes para 4 persoas

8 zanquiños de polo Bon Pollo
2 cebolas
2 dentes de allo
2 cenorias
1 pemento vermello
300 g de tomate maduro
30 g de pasta de tomate
100 g de olivas negras
300 g de fabas brancas cocidas
400 ml de caldo de polo
40 ml de salsa de soia
80 ml de viño tinto
Herbas provenzais
Loureiro
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Propómosche unha inmersión na cociña tradicional para preparares estes zancos de polo guisados en salsa de tomate e alfabaca. Unha receita que te vai transportar aos mellores momentos da túa infancia, cando vías o mundo a través dos ollos dun rapaz e gozabas dos pequenos praceres cotiáns.

Ademais, este prato é ideal para compartires co teu círculo máis próximo e aproveitar o xantar para lles dedicar tempo aos seres queridos.

Un consello: non esquezas servir os zancos de polo guisados ben quentes e acompañados de pan. É o complemento perfecto, pois non vas querer deixar nada no prato.

Elaboración

  1. Pelar e picar as cebolas, os dentes de allo e as cenorias en dados pequenos (brunoise). Reservar.
  2. Lavar e picar o pemento (sen as partes brancas nin as sementes) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
  3. Relar os tomates. Reservar.
  4. Lavar ben as fabas brancas. Reservar.
  5. Quentar un chisco de aceite nunha cazola e dourar os zanquiños de polo cunhas follas de loureiro a lume medio. Salpementar e reservar.
  6. Na mesma cazola, sofritir as cebolas e os allos a lume medio.
  7. Desglasar coa salsa de soia e o viño tinto. Subir o lume para que se evapore o alcohol.
  8. Engadir as cenorias e o pemento. Refogar durante un par de minutos a lume medio.
  9. Engadir os tomates relados e a pasta de tomate. Mesturar e cocer todo xunto durante 6-8 minutos. Salpementar e botar un chisco de herbas provenzais.
  10. Incorporar os zanquiños de polo, as olivas, as fabas e o caldo. Tapar e cocer durante 25-30 minutos a lume medio-baixo. Rectificar ao gusto.
  11. Para empratar, servir os zanquiños de polo guisados con salsa de tomate nun prato e acompañar cun pouco de pan.

Se os zancos de polo son a túa devoción sen importar como os cociñes, entón vaiche encantar esta receita de zanquiños de polo con shiitake e anacardios.