
Descubre a nosa irresistible receita de zanquiños de polo ao forno, unha combinación perfecta entre sinxeleza e sorpresa culinaria.
Os zanquiños, procedentes das patas do polo, son unha excelente fonte de proteínas de alta calidade. Ademais sonche moi saborosos e, cociñados ao forno, lograrás que a pel che quede crocante mentres a carne se mantén tenra e saborosa no interior.
O punto forte desta receita é a mestura insuperable de ingredientes sinxelos e aromas especiais coa que conseguirás un prato que vai conquistar a calquera que o probe. Por outra parte, ao optar por unha variedade de verduras de tempada, o prato vai ter un toque de cor e moito valor nutricional grazas ás vitaminas e aos minerais esenciais.
Se buscas unha receita doada de preparar, saudable e apta para toda a familia, estes zanquiños non che van fallar.
Elaboración
- Salpementar os zanquiños de polo. Reservar.
- Pelar e partir as patacas en dados medianos (mirepoix). Reservar.
- Lavar e cortar os allos porros en toros grosos. Reservar.
- Pelar e partir os champiñóns pola metade. Reservar.
- Relar a pel e espremer o zume do limón. Reservar.
- Mesturar nun cunco 40 ml de aceite, o viño, a mostaza, o mel, un chorriño de zume de limón e un chisco de tomiño e de romeu picados.
- Pousar sobre unha bandexa de forno os zanquiños de polo, os allos porros, as patacas, os champiñóns, os tomates cereixa e o preparado anterior. Mesturar ben.
- Meter ao forno durante 45-55 minutos a 200 °C. De cando en vez, ir botando os zumes da cocción por riba do polo.
- Para empratar, servir os zanquiños de polo ao forno e botarlle por riba un pouco de reladura de limón.