
Esta receita é perfecta para darnos unha homenaxe: zanquiños de polo con cava, ameixas e améndoas.
Pouco máis podemos engadir cando un prato fala por si mesmo. Meloso, intenso e saboroso, é un prato ideal para celebrarmos unha ocasión especial, pero tamén funciona de marabilla para o día a día. Se o preparas, esperamos que goces del tanto coma nós.
Elaboración
- Pelar e picar as cebolas e dous dentes de allo (sen o xerme) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Picar as améndoas en anacos medianos cun coitelo. Reservar.
- Escaldar as ervellas nunha ola con auga a ferver con sal durante 1 minuto. Arrefriar con auga e xeo, escoar e reservar.
- Quentar un chisco de aceite de oliva nunha tixola e cocer os zanquiños de polo con dous allos esmagados e as follas de loureiro a lume medio. Salpementar e reservar.
- Nun cunco, bater a xema de ovo coa nata. Mesturar e reservar na neveira.
- Fundir a manteiga nunha tixola e rustrir as cebolas cos allos en anacos pequenos (brunoise) a lume medio. Salpementar.
- Engadir as améndoas e refogar durante un par de minutos.
- Desglasar co cava e levar a ebulición. Deixar a reducir durante 5 minutos e incorporarlle a mestura de xema de ovo e nata anterior. Cocer durante 2 minutos a lume medio sen deixar de remexer co batedor.
- Incorporar os zanquiños, as ameixas e as ervellas. Cocer todo xunto durante 5 minutos tapado co testo e a lume medio-baixo. Salpementar ao gusto.
- Para empratar, botar unha base de salsa de cava no prato e colocar os zanquiños de polo. Decorar coas ameixas e as ervellas, e botarlle por riba un chisco de ceboliño picado.
Se buscas ideas de receitas para ocasións especiais, tamén recomendamos estes xamóns de galiña con gambas e ameixas. ¡Inigualable!