Zanquiños de polo con cogomelos

Ingredientes para 4 persoas

8 zanquiños de polo Bon Pollo
2 cebolas
2 dentes de allo
400 g de cogomelos variados
1 tomate maduro
30 g de piñóns
500 ml de caldo de polo
100 ml de viño Pedro Ximénez
1 bouquet de herbas aromáticas
Noz moscada
Pemento doce en po
Perexil fresco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Boletos, shiitake, níscaros, champiñóns, portobellos, pantorras, cantarelas, choupíns… Hai moitos tipos de fungos, e podes elixir os teus favoritos para preparares a receita de hoxe: zanquiños de polo con cogomelos.

Doura os zanquiños ata que a pel colla cor. Retíraos e, na mesma cazola, engade a base para o mollo: a cebola, os allos, o viño, o tomate relado e as especias. A seguir, incorpora os cogomelos que máis che gusten e un puñado de piñóns. Cubre co caldo de polo para que acabe de cociñarse e xa tes o prato listo para servir.

Á hora de empratar, crea unha base cos cogomelos e engádelle dous zanquiños por persoa. Decora con perexil picado e asegúrate de acompañar o guiso con abundante pan para mollar na salsa 😉. Bo proveito!

Elaboración

  1. Pelar e picar as cebolas e os dentes de allo en dados pequenos (brunoise). Reservar.
  2. Partir os cogomelos en anacos. Reservar.
  3. Relar o tomate. Reservar.
  4. Quentar un chisco de aceite nunha cazola e dourar os zanquiños de polo a lume medio.
    Reservar.
  5. Na mesma cazola, rustrir as cebolas e os allos a lume medio. Salpementar.
  6. Engadir o viño Pedro Ximénez e subir o lume para que se evapore o alcohol.
  7. Incorporar o tomate relado, un chisco de noz moscada, pemento doce en po e o bouquet. Cocer durante 5 minutos a lume medio.
  8. Engadir os cogomelos e os piñóns. Refogar durante uns minutos.
  9. Engadir os zanquiños de polo e o caldo. Cocer durante 30-35 minutos a lume medio-baixo e tapado co testo. Salpementar.
  10. Para empratar, servir os zanquiños de polo con cogomelos nun prato e botarlle un pouco de perexil picado por riba.