
Monte ou mar? Coa receita de hoxe non terás que escoller, xa que combina ambos mundos: zanquiños de polo con lagostinos. Trátase dunha receita tradicional da gastronomía catalá que logra harmonizar o mellor da carne e do marisco. Ademais, en Bon Pollo culminamos o prato co irresistible sabor das ameixas. Prepárate para mollar co pan.
Elaboración
- Pelar e cortar as cebolas e o dente de allo (sen o xermolo) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Lavar e cortar en dados pequenos (brunoise) o pemento vermello (quitándolle as sementes e as partes brancas). Reservar.
- Pelar os lagostinos e reservar, por unha banda, a carne, e, pola outra, as carcasas coas cabezas.
- Quentar un chisco de aceite de oliva nunha ola e dourar unha cebola.
- Engadir as carcasas e as cabezas dos lagostinos, dúas follas de loureiro e o pemento doce. Refogar a lume forte durante uns minutos mentres se remexe.
- Desglasar con ron e cociñar ata que se evapore o alcohol. Salpementar.
- Engadir a auga e cocer a lume medio-baixo durante 30 minutos coa tapa posta.
- Coar o caldo dos lagostinos cun coadoiro fino, apertando para sacarlles todo o líquido posible. Reservar o caldo.
- Quentar nunha tixola un pouco de aceite de oliva e dourar os zanquiños de polo coas ramas de tomiño. Salpementar e reservar.
- Na mesma tixola, dourar a cebola cun chisco de aceite. Cando comece a estar transparente, engadir o dente de allo e refogar. Salpementar.
- Incorporar o pemento vermello e dúas follas de loureiro. Cocer a lume medio ata que estea feito.
- Desglasar con viño branco. Deixar reducir o alcohol un par de minutos a lume forte.
- Agregar o caldo dos lagostinos e deixar reducir un par de minutos a lume medio.
- Engadir as ameixas e os zanquiños de polo. Cocer a lume medio-forte durante 5 minutos. Rectificar o sal e a pementa negra ao gusto.
- Incorporar os lagostinos e cocer 2 minutos máis a lume medio. Reservar.
- Servir os zanquiños de polo con lagostinos e ameixas. Decorar o prato con ceboliño fresco picado.
Se che gustou esta receita, seguro que te sorprenderá o tartar de polo con algas.