Zanquiños de polo con pera e figos

Zanquiños de polo con pera e figos

Ingredientes para 4 persoas

2 bandexas de zanquiños de Bon Pollo
600 g de peras
570 g de figos frescos
50 g de améndoa marcona
1 cebola
4 dentes de allo
10 g de xenxibre
60 ml de vinagre de mazá
230 ml de auga mineral
150 ml de viño Pedro Ximénez
2 ramas de canela
4 flores de anís estrelado
4 sementes de cardamomo
1 g de sementes de coandro
2 g de sementes de comiño
2 g de pementa de cinco cores en gran
8 follas de loureiro
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Zanquiños de polo con pera e figos

Coa chegada do frío apetecen os guisos coma o que che propomos hoxe: zanquiños de polo con pera e figos.

As peras e os figos danlle unha dozura moi especial a esta exquisita receita. Incorpora unhas poucas especias, un chisco de xenxibre e unhas follas de loureiro, e deixa que os zanquiños se cociñen a lume lento. A cociña váiseche encher dun aroma incrible… e xa verás cando lle deas o primeiro bocado!

Elaboración

  1. Pelar e cortar a cebola en dados moi pequenos (brunoise). Reservar.
  2. Pelar e relar o xenxibre. Reservar.
  3. Pelar e picar as peras en cuarteiróns. Reservar.
  4. Pelar e picar os figos en cuartos. Reservar.
  5. Pelar as sementes de cardamomo da vaíña. Reservar os grans.
  6. Torrar as sementes de cardamomo, coandro, comiño e pementa nunha tixola (sen aceite) a lume medio durante 2-3 minutos.
  7. Moer as sementes torradas ata obter un po. Reservar.
  8. Quentar un chisco de aceite de oliva nunha tixola e dourar os zanquiños de polo xunto cos dentes de allo esmagados e as follas de loureiro. Salpementar por ambos os lados e reservar.
  9. Rustrir a cebola nunha tixola cun chisco de aceite.
  10. Engadir as améndoas e torralas durante un par de minutos.
  11. Incorporar o xenxibre, os figos, o po das especias, a canela, o anís estrelado e o sal (5 g). Cocer durante un par de minutos a lume medio.
  12. Engadir as peras, o vinagre, a auga e o viño. Levar a ebulición, baixar o lume e cocer a lume lento e tapado durante 15 minutos. Remexer de cando en vez.
  13. Incorporar os zanquiños de polo na salsa e cocer todo xunto tapado durante 15 minutos.
  14. Para servir, botar un pouco de salsa na base do prato, colocar os zanquiños de polo por riba e decorar con anacos de pera e figo.

Se che gustou este guiso, non podes perder o guiso de polo con abelás e tomiño.