Como nos gusta experimentar coa froita no verán! Na receita de hoxe, traémosche uns deliciosos zanquiños de polo con sandía e queixo feta. Curioso, a que si? 😋
A elaboración que che presentamos vén cargada de sorpresas. Os zanquiños macerados e cociñados ao forno quedan moi saborosos e a sandía á prancha dálle un sabor delicioso. Ademais, como vai acompañada de feta, equilíbranse á perfección o doce da froita co salgado do queixo. Non esperes máis e proba a cociñalos. Non quedarás indiferente! 🤤
Elaboración
- Pelar e cortar o dente de allo en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Cortar a pel retirando a parte branca e espremer o zume da laranxa. Reservar por separado.
- Mesturar nunha ola grande a auga co sal, o mel, o viño, o allo, a reladura e o zume da laranxa, as sementes de mostaza e coandro, e unhas ramas de perexil. Remexer e ferver durante 2 minutos a lume medio. Deixar a arrefriar.
- Engadir os zanquiños de polo, mesturar e reservar na neveira durante 4 horas. É importante que o polo quede completamente cuberto.
- Prequentar o forno a 180 °C.
- Colocar o polo nunha bandexa de forno, engadindo un chorriño de aceite e un pouco do líquido da maceración.
- Cociñar no forno durante aproximadamente 1 hora. Ir vertendo o mollo da bandexa por riba do polo durante o cociñado. Reservar.
- Pelar e cortar a sandía en triángulos dun dedo de grosor. Retirar as sementes e reservar. Esmigallar o queixo feta. Reservar.
- Quentar un pouco aceite nunha tixola e marcar os triángulos de sandía durante un par de minutos a lume medio.
- Incorporar a salsa de soia, darlles a volta aos triángulos, engadir o queixo feta esmigallado e cocer durante un par de minutos máis.
- Para empratar, servir os zanquiños de polo e acompañar cuns triángulos de sandía e o queixo feta. Empoar cun chisco de sésamo negro por riba.
Se queres coñecer máis receitas de polo con froita, recomendámosche este polo recheo de noces e mazá. Con tal combinación, asegurarás o éxito.