Trucos para preparar polo
O polo é unha rica fonte de proteínas, vitaminas e minerais, e ofrece moitas posibilidades á hora de incluílo nas túas receitas. Existen mil maneiras de preparalo, pero en Bon Pollo ensinamos algúns trucos para lle tirardes o máximo partido posible durante a preparación.
Adubo
O adubo consiste no conxunto de condimentos ou aderezos que orixinariamente se empregaba para a conservación dos alimentos. Hoxe en día, as carnes, aves, peixes e outros alimentos adúbanse para darlles un sabor e aroma concretos. O adubo faise con diferentes ingredientes como cítricos, aceites, vinagre, sal, pementa, herbas aromáticas e especias dependendo de como se vaia cociñar o polo.
Para que o polo se impregne dos aromas e matices desexados, é importante escoller ben a combinación de condimentos que imos engadir e deixalos repousar entre unha e cinco horas.
Cociña ben a carne
Debido ás bacterias presentes nos alimentos, é importante cociñalos correctamente. Debemos cociñar dabondo a carne e non deixala crúa por dentro; a temperatura de cocción interior debería ser polo menos de 74 °C. Unha boa técnica para comprobarmos o nivel de cocción consiste en facerlle un lixeiro corte á peza. Se a cor é rosada, o polo ten que cocerse durante máis tempo.
Cocción uniforme
Para conseguir unha cocción uniforme, o ideal é que todas as pezas do polo sexan dun tamaño parecido. Se non é posible, primeiro debemos retirar as pezas máis pequenas para permitir que as de maior tamaño se cociñen durante máis tempo.
É importante non excederse no número de pezas que coloquemos na superficie ao cociñalas porque a falta de espazo entre porcións dificulta a súa cocción. Por outra parte, para que o polo se cociñe correctamente e se cree unha capa deliciosa ao seu redor, debemos ser prudentes á hora de darlles volta ás pezas e non excedernos.
Repouso
Para que a substancia e os sabores repousen ben co polo e quede todo saboroso e tenro convén deixalo repousar durante 5 minutos antes de servilo.